Covid: Aumentan os casos activos e os ingresos hospitalarios

Cola para realizar test de coronavirus (Foto: Europa Press)

Descenso no número de contaxios.

A Consellería de Sanidade notificou esta cuarta feira 227 novos positivos por Covid-19 en 24 horas, case un cento menos que o día anterior e tras realizarse ao redor de 8.000 PCR, unha cifra similar.

Con todo, os datos tamén reflicten que tanto a presión hospitalaria, con 375 persoas ingresadas, como a cifra de casos activos, que se sitúa en 5.598, volveron subir por segundo día consecutivo.

Na parte dos ingresados, segundo consta na web de Sanidade para informar sobre a incidencia da pandemia, con cifras solicitadas até as 18:00 horas desta segunda feira, os centros hospitalarios galegos suman 375 persoas con coronavirus, unha repunta de 10 con respecto a un día atrás. En concreto, son 319 en planta -nove máis- e 56 en UCI --unha máis--.

Das sete áreas sanitarias, tan só a da Coruña-Cee reduciu a cifra de pacientes Covid ingresados, até os 86.

Por outra banda, Galiza suma nos datos desta terza feira 227 novos positivos por Covid-19, unha baixada de case un cento, que saen á luz despois de realizarse 8.032 PCR en 24 horas -oito menos que o día anterior-.

A de Pontevedra-O Salnés é a única área sanitaria na que soben os contaxios, con 70 nun día -27 máis-, e colócase como principal foco.

Ademais, a web de Sanidade recolle que a taxa de positividade das probas sitúase en 3%, máis dun punto porcentual por baixo da rexistrada hai un día. Isto supón que Galiza leva xa catro días baixo o limiar do 5% que establece a Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia.

No que respecta aos casos activos en toda Galiza -a cifra total de persoas que están diagnosticadas de Covid-19-, rexistraron unha suba por segundo día consecutivo, despois de que esta segunda feira rachase a tendencia á baixa que viña rexistrándose desde o 19 de novembro.

En concreto, a web de Sanidade reflicte que hai 5.598 infectados por coronavirus, 38 máis que hai un día. Ademais, tres das sete áreas sanitarias notificaron unha repunta nesta cifra.

E unha xornada máis as vítimas mortais da pandemia seguen subindo e son xa 1.319 tras a confirmación de sete novos falecidos por parte das autoridades sanitarias nas últimas horas.