Peche de Santiago e máximo nivel de restricións a Ribeira, Bueu e Baiona

Ambiente de Nadal nunha rúa de Vigo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

Os concellos de Santa Comba, Mazaricos, Negreira, Carnota, Rodeiro, A Illa e Fisterra, pasan ao nivel medio alto de restricións

O comité clínico da Consellería de Sanidade que fai seguimento da evolución da Covid-19 na Galiza vén de acordar, na súa reunión desta terza feira, suavizar as medidas restritivas nos concellos de Barro, Coristanco, Cee, Laxe, Carballo e Ponteceso, que pasarán ao nivel básico de restricións, co que se suprimirá a limitación de mobilidade.

Así mesmo, os concellos de Ribeira, Bueu, e Baiona, pasan ao nivel máximo de restricións. Ademais do antedito, os concellos de Santa Comba, Mazaricos, Negreira, Carnota, Rodeiro, A Illa e Fisterra, pasan ao nivel medio alto de restricións.

Igualmente, o comité clínico acordou que o concello de Santiago pasa a nivel medio e queda pechado perimetralmente.

Tras analizar a evolución epidemiolóxica no conxunto de concellos galegos, o comité clínico tamén acordou implementar unha vixilancia especial nos concellos de Verín, O Barco, A Rúa, Cedeira e San Sadurniño.

Debates

Á espera das explicacións  e argumentacións máis demoradas que ao longo de hoxe darán representantes do Comité sanitario, nas últimas semanas o establecemento de criterios e normas sobre a Covid para as festas do Nadal ten sido albo de diferentes debates. A Consellaría de Sanidade advirtira a principios deste mes que adaptaría as medidas para o Nadal á evolución epidemiolóxica. 

Feixoo defendeu a idea dos 'grupos burbulla' para limitar as reunións no Nadal do coronavirus. "É moito máis perigoso que se reúnan 3 familias de 2 membros, a que se reúnan 2 familias de6 membros cada unha".

A proposta do Ministerio de Sanidade, presenyada aos diferentes territorios do Estado aposta porque poida haber 10 comensais nas mesas destas festas, agás se se trata de persoas que conviven e que non superan os dous grupos de convivencia como máximo, ante o que se abriría esa capacidade.

O toque de recoller fixouse para as 01.30 horas os días 24 e 31 de decembro, mais só para volver ao domicilio desde outra casa e “nunca” coa idea de que a xente acuda a outros encontros de carácter social.

María José Pereira, xefa de medicina preventiva do CHUAC lembraba estes días que "veñen épocas complicadas, todos temos ganas de estar coa familia, pero temos que ser conscientes de que o noso comportamento pode levarnos a unha nova onda".  Na Galiza, por volta do 4,5 % da poboación padeceu a enfermidade, a metade que no conxunto do Estado.