Covid: Menos dun 5% das galegas e galegos pasou o virus e ten anticorpos

Xornada de baixada das restricións en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Esta taxa, resultante da cuarta rolda do 'Estudo Nacional de Seroprevalencia', é a segunda menor do Estado español. Tan só houbo menos contaxios nas Illas Canarias. Varias comarcas do interior foron as que tiveron unha peor evolución respecto á Covid-19.

Só un 4,5% das e dos galegos, arredor de 120.000 persoas, superaron o coronavirus e ten certa presencia de anticorpos como para loitar contra esta enfermidade. Así se desprende da nova investigación feita no marco do 'Estudo Nacional de Seroprevalencia' que se deu a coñecer esta terza feira.

O informe, elaborado polo Ministerio de Sanidade xunto co Instituto de Saúde Carlos III, o Instituto Nacional de Estatística (INE) e os servizos sanitarios dos distintos territorios, indica que Galiza ten a segunda menor taxa de curación da Covid-19 do Estado español.

O balance está máis de cinco puntos por debaixo da media, que as e os expertos sitúan no 9,9% dos habitantes. O podio está ocupado por Canarias, cun 3,8% da veciñanza que curou desta infección. Xusto o liderado no ámbito contrario, é dicir, no maior número de poboación contaxiada e con anticorpos está a Comunidade de Madrid, cun 18,6% do total do padrón.

Porén, os datos non son tan negativos para Galiza porque nesta cuarta rolda da investigación detectouse un maior número de galegas e galegos con anticorpos. Nunha primeira fase era un 2,1% dos habitantes, mentres que na segunda o dato foi 2,2% e na terceira baixou até o 1,9% do total de individuos censados no país.

Agora, polo menos, case un 5% dos habitantes estaría supostamente inmunizado contra a Covid-19 durante un corto período de tempo. Ou polo menos é o que indican diversos estudos realizados desde que comezou a pandemia no mundo.

Por sexo e zona

Fontes do Ministerio de Sanidade explicaron hoxe que, por sexos, son os homes os que teñen unha maior seroprevalencia que as mulleres nesta nazón. A diferencia é moi pequena.

No caso da distribución por comarcas, as do interior da contorna de Ourense resultan as peor paradas respecto aos contaxios pero cunha maior protección de cara ás próximas semanas. A taxa é de 6,2%. No norte do país só chega ao 3,8% do padrón.

Mediante test rápidos

A porcentaxe de persoas con anticorpos detectábeis co test rápido nas dúas últimas semanas de novembro resultou do 3% na Galicia, tamén á cola, por baixo do 7,1% de media estatal.

A grupo de expertas aclarou que a “diferenza entre o 4,5% acumulado global de seroprevalencia e o 3% detectado a finais de novembro non significa que esas persoas perdesen os anticorpos contra o virus, e por tanto non estean protexidas en certa forma, senón que non teñen niveis suficientemente altos para que o test rápido de anticorpos dea positivo”.