Covid: A Xunta notifica 23 novos falecementos de dúas xornadas

Imaxe da campaña de vacinación en Londres. (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire / dpa)
Nesta cuarta feira decorreron nove pasamentos, se ben as autoridades sanitarias comunicaron outros que tiveron lugar a principios do mes de xaneiro. O seguimento das consecuencias catastróficas da pandemia na poboación galega é cada vez máis complexo.

A Consellaría de Sanidade informou esta cuarta feira de que as vítimas mortais da pandemia na Galiza xa son, polo menos, 2.039. Nesta xornada decorreron nove pasamentos, mais o departamento da Xunta notificou un total de 23 por unha serie de mortes rexistradas a principios de xaneiro e vinculadas agora co coronavirus.

Ao longo do día de hoxe finaron dous homes de 90 e 92 anos que eran atendidos no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), así como unha doente de 81 anos que estaba ingresada no HM Modelo-Belén da Coruña. No centro sanitario público da cidade tamén houbo malas novas, pois non se puido facer nada por salvar a vida dun varón de 84 anos e outro de 87. Este último era usuario da DomusVi de Carballo.

No Hospital da Mariña decorreu o óbito dun paciente de 82 anos e no de Ferrol sumáronse outros dous decesos. En concreto, rexistrouse o falecemento dunha muller de 93 anos que procedía do centro A miña casa de Ferrol e doutra de 87 anos que non estaba vinculada a un xeriátrico.

Por último, na área sanitaria de Pontevedra finou un home de 53 anos. Todas as vítimas padecían patoloxías previas que complicaron a súa evolución.

Regreso a xaneiro

No parte de hoxe as autoridades sanitarias incluíron outras 14 persoas que morreron diagnosticadas da Covid-19. En concreto, ratificáronse pasamentos que tiveran lugar o mes pasado. Sanidade fala de dúas vítimas atopadas nas súas casas: un varón de 80 anos de Ourense e outro de 85 veciño de Narón. Xa nos hospitais tivo lugar outra ducia de pasamentos, en principio todos acaecidos o 9 de xaneiro.

No hospital ferrolán ratificaron os óbitos dunha muller de 87 e un home de 91 anos e no Clínico de Compostela confirmouse outra vítima, neste caso de 91 anos. No Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) comunicaron os dun varón de 65 e outro de 95 anos, así como unha muller de 78.

O Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) sumou dous finados: un home de 85 anos e outro de 59. Tampouco superaron o virus un paciente de 55 anos e outro de 78 na mesma xornada no Hospital do Salnés.

No Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) rexistrouse o deceso o dun enfermo de 86 anos e, por último, confirmouse a causa da mortee dunha muller de 91 morreu no seu domicilio en Teo. Porén, non quere dicir que foran as únicas mortes da xornada, pois as comunicacións da Xunta nas últimas semanas inclúen despedidas acaecidas en diferentes xornadas.