Covid: Xunta cambia as restricións para o transporte público marítimo e en autobús

Imaxe de arquivo dos autobuses urbanos das liñas 14 e 22 que se circulan pola Ronda de Outeiro

Poderán ocupar todos os seus asentos.

Os servizos de transporte marítimo e en autobús -de carácter interurbano, urbano ou de uso especial- dependentes da Xunta poderán ocupar a totalidade dos asentos aínda que se deberá manter a "máxima separación" entre os usuarios e usuarias "cando o nivel de ocupación o permíta".

Así mesmo, segundo unha última actualización das limitacións por parte da Consellería de  Sanidade, no caso dos vehículos e embarcacións que teñan autorizadas prazas de pé, buscarase que as persoas manteñan entre si a máxima distancia posíbel, para o que se establece como límite unha sexta parte das prazas de pé.

Como medidas adicionais nestes servizos, sempre que a duración sexa inferior a dúas horas, os usuarios non poderán consumir alimentos no interior dos vehículos ou embarcacións e deberán evitar, na medida do posíbel, consumir bebidas ou manter contactos directos con outros ocupantes.

No caso dos servizos públicos colectivos regulares de transporte de viaxeiros de carácter interurbano, de uso xeral ou especial que non teñen autorizadas prazas de pé, e en calquera servizo de transporte marítimo en augas interiores da competencia da Xunta, será obrigatoria a expedición do billete coa identificación do servizo concreto de transporte e do vehículo ou embarcación que o preste.

Ademais, todos os anteriores vehículos e embarcacións deberán ter numerados os seus asentos de forma clara e visíbel e, naqueles servizos nos que non exista unha asignación previa do asento, recoméndase aos viaxeiros que anoten no billete o número de praza que ocupen.

Sanidade sinala que, dada a limitada duración do tempo que os usuarios permanecen no interior, xunto coas adecuadas condicións de ventilación, e fronte á redución da súa capacidade, ve "adecuado" outras medidas preventivas alternativas, baseadas na "diminución do contacto directo entre os usuarios".