Covid-19: As residencias galegas concentran 660 dos casos positivos

Unha ambulancia fronte a residencia de San Cibrao, en Cervo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Malia a retirada de bastantes doentes das últimas listaxes, as usuarias afectadas seguen a estar por riba das 400. Ademais, hai un número moi importante de persoal empregado en situación de corentena.

Cos datos de afección do coronavirus disparados en toda Galiza, non é de estrañar que un dos núcleos onde se concentran máis casos positivos sexa o das residencias destinadas ás persoas maiores.

 

O país leva varios días lamentando números elevados de falecementos e, lamentabelmente, tamén están relacionados con estes centros nos que agora hai 408 maiores infectados, así como 252 traballadores.

 

O cómputo global parece moi elevado, mais hai que ter en conta que segunda a Xunta hoxe houbo máis baixas do total por dar negativo nas novas probas PCR que altas. Segundo os datos, por exemplo, xa hai curadas e curados ou causaron baixa 51 residentes das instalacións Nosa Señora dos Miragres de Barbadás, se ben parte poden ser porque se contabilizaron algúns pasamentos nestes días.

 

Con esas contas, a Consellaría de Política Social fala de 408 residentes afectados, coa DomusVi de Ribadumia (74); a residencia de Salvaterra do Miño (64), protagonista de denuncias anónimas e orixe dun surto polo que faleceron varias persoas; a de Nosa Señora das Virtudes (42) en Pontedeume; a San Cibrao (35) e a de Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia (31) como puntos máis destacados da evolución dos contaxios.

 

Porén, a situación en Barbadás continúa sendo preocupante, pois hai 24 persoas enfermas, e na Ballesol de Vigo a Xunta informa de 22 positivos. Xa na Domusvi Coruña, en Oleiros, mantéñense 19 casos activos entre as residentes; e hai 16, 15 e 13 no Fogar San Miguel, a residencia Santa Olalla e o centro As Fragas, respectivamente.

 

O resto das enfermas e enfermos repártense entre 14 xeriátricos de toda Galiza, dous do criticado grupo DomusVi e outro que estivo intervido en Pereiro de Aguiar.

Gran cantidade de traballadoras e traballadores

 

No que respecta aos cadros de persoal, os contaxios de 252 persoas son moito máis repartidos. No entanto, hai especial atención posta no gromo de Nosa Señora dos Miragres, en Barbadás, onde hai 37 operarias afectadas.

 

Na Domusvi de Ribadavia quedan 28 casos activos, un máis que en Salvaterra do Miño. No fogar Nosa Señora das Virtudes, de Pontedeume, víronse afectadas 19 empregadas e empregados, e en Santa Olalla e San Miguel hai 13 e 10, respectivamente.

 

En San Cibrao o gromo nos usuarios tamén pasou a 14 persoas do cadro de persoal. No caso da Ballesol de Vigo mantén en corentena a unha ducia de expertas. O resto das traballadoras contabilizadas polas autoridades públicas repártense entre 44 infraestruturas máis, algunhas ben coñecidas por pertencer aos grupos Ballesol, Domusvi e Orpea, entre outros.

 

Aqueles espazos especializados na atención á discapacidade teñen 38 beneficiaras co virus e 22 empregadas. As usuarias están entre a Domusvi Bóveda (23) e a San Vidente de Paúl (15).