Covid no ensino: 1.300 contaxiados e 70 aulas pechadas

(Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

Hai un único centro clausurado pola pandemia, unha escola infantil en Lugo.

 

Hai 1.298 casos positivos de coronavirus vinculados a escolas infantís e centros educativos non universitario na Galiza. A pandemia mantén pechadas 70 aulas en diferentes colexios e un centro, a escola infantil Golfiños, en Lugo.

Os datos desta terza feira coñécense cando aínda persiste o malestar na comunidade educativa polas mudanzas que introduciu nos últimos días a Consellaría de Educación a respecto dos protocolos relativos á Covid-19 nos centros de ensino. En concreto, que os casos sospeitosos de coronavirus teñen que ir ás aulas en caso de ser alumnado ou profesorado.

Na actualización do protocolo ante a Covid-19 no sistema educativo, cando exista un caso dubidoso no núcleo familiar ou que presente síntomas compatíbeis coa doenza, o resto de persoas conviventes terán que minimizar e evitar as interaccións sociais, mais poderán acudir tanto á escola como ao seu posto de traballo, no caso de seren docentes.

De se confirmar o positivo, os familiares non poderán acudir ao centro de ensino ao seren considerados casos estreitos e terán que gardar corentena por un período de dez días, de acordo coas indicacións das autoridades sanitarias.

A mudanza no protocolo de educación colide coas recomendacións que se manteñen para a poboación xeral e que veñen de ser referendadas no DOG do 4 de novembro, na Orde pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19.

A decisión da Consellaría de que os casos sospeitosos teñen que ir ás aulas chega á xustiza