Covid: Suspenden e reprograman cirurxías non urxentes no CHUAC pola presión hospitalaria

Un paciente recibe unha vacina. (Foto: Europa Press)
Fontes do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) recoñecen que están adiando aquelas operacións en pacientes "sen ningún tipo de risco". Hoxe teñen 138 doentes hospitalizados, 22 deles na Unidade de Coidados Intensivos (UCI).

O Sergas xa comezou a adiar a realización de operacións de carácter non urxente no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). Así o confirman a Nós Diario fontes da área sanitaria, que destacan que “xa se tivo que comezar a suspender e reprogramar” debido á enorme presión da atención ás persoas afectadas pola Covid-19.

Segundo aclaran, as cirurxías que se están a deixar para o futuro sen unha data fechada ao 100% son aquelas que non supoñen “ningún tipo de risco para os pacientes”.

Tranquilizan á poboación explicando que casos como “os oncolóxicos ou as urxencias”, por pór algúns exemplos, se están a levar a quirófano con normalidade como pasou “durante a primeira onda”.

Pero o resto dos equipos teñen que estar liberados pola onda de contaxios, que semella non chegar ao pico máis alto nunca. Nesta quinta feira, só no Chuac hai 138 pacientes, 22 dos e das cales son atendidas na Unidade de Coidados Intensivos (UCI).

Aliás hai 2.462 casos activos na demarcación sanitaria, o que implica que a máis positivos “aumente exponencialmente a posibilidade de ter que ingresar a máis xente”. A previsión para os próximos días é similar á que vén marcando estas semanas, pois as festas de Nadal están pasando factura e o virus non perdoa.

Até o de agora xa se tiveron que destinar “cinco unidades de enfermería” á atención da Covid-19, pois en toda a área (que comprende dous hospitais públicos e dous privados) hai “27 persoas nas UCI e 123 en planta”. O incremento é de 20 infectadas máis que onte, o que da idea da gráfica que están a estudar a diario as autoridades sanitarias.

Hospitais de campaña

Malia esta evolución, que vai na mesma liña no resto da Galiza, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, afirma que polo momento non hai previsión de crear hospitais de campaña como no seu día se chegou a habilitar a infraestrutura de ExpoCoruña.

Porén, advirte de que “non se pode descartar nada”, pois accións deste tipo van depender de como continúe a evolución dos contaxios polo coronavirus.

Respecto da presión “importante” na área da Coruña e Cee, di que o paso previo aos hospitais de campaña son as “redistribucións” das UCI en rede coas de hospitais “máis modernos” coma os de Lugo (Lucus Augusti) e Vigo (Álvaro Cunqueiro).