O xefe da UCI do Chuac alerta da situación "crítica", que é "similar" ou "peor" que a de marzo

chuac, Europa Press

Pide á cidadanía saír "o mínimo imprescindíbel".

O xefe da UCI do complexo hospitalario da Coruña (Chuac), David Freire, alertou da situación "crítica" na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) e instou á "responsabilidade individual" e a saír "o mínimo imprescindíbel".

En declaracións remitidas aos medios de comunicación, asegura que se está a vivir unha situación "similar" ou "peor" que a de marzo. "A UCI ten agora unha ocupación na unidade Covid próxima ao 75%". "Todos os días ingresa algún paciente novo, até dous ou tres, mesmo catro", engade.

Por outra banda, incide en que hai pacientes "máis novos" e algúns "sen patoloxía previa". "É importante ter todo isto en conta xa que se non a pandemia vai poder connosco", recalca.

Por iso, apela a reducir o contacto social e no caso do hospital recomenda tamén limitar as visitas "ao mínimo". "Só un familiar por paciente, que sexa menor de 70 anos e só naqueles casos que se considere imprescindíbel".

"Acudir ao hospital, por exemplo, para falar cun médico ou algo importante, asinar un consentimento", cita como exemplos. E é que, no actual contexto, insiste en que se está "ante un problema de responsabilidade individual".

Por iso, pide "saír de casa só o estritamente necesario como ir ao traballo, ao médico, ao hospital". "O mínimo imprescindible", asevera o xefe da UCI no  Chuac.