Covid: Sanidade suspende a vacinación co fármaco de AstraZeneca

Área de vacinación no Ifevi. (Foto: Europa Press)
A decisión tomouse esta segunda feira no decorrer dun Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde convocado de maneira urxente. Noutros países detectáronse tromboses en persoas que foran inoculadas co medicamento e aquí xa se coñece o primeiro caso.
O Goberno do Estado español anunciou hai escasos momentos a decisión de suspender de forma temporal o subministro da vacina contra a Covid-19 pertencente á farmacéutica AstraZeneca.

Malia que hai días que a dúbida estaba no aire, non foi até esta segunda feira cando se optou por agardar aos posíbeis efectos após de que noutros Estados se detectaran varios casos de tromboses a persoas que foran tratadas con este fármaco.

A decisión saíu adiante no pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), convocado de maneira urxente para hoxe pola ministra de Sanidade, Carolina Darias, e no que participaron os conselleiros de Sanidade dos distintos territorios.

Este paro na campaña de vacinación xa fora adoptado por Francia, Alemaña, Italia, Austria, Dinamarca, Estonia, Lituana, Noruega, Islandia, Tailandia e Irlanda. Aliás, zonas como Cataluña, Castela e León, Canarias, Comunidade Valenciana, Asturias e Andalucía suspenderan preventivamente a inoculación deste tratamento.

Na Galiza o lote que está a ser investigado foi a parar a persoas de entre 50 e 55 anos. De feito, o sábado houbo unha vacinación masiva en 14 puntos do país con preto de 15.000 doses administradas. 

A Axencia Europea do Medicamento segue a estudar as circunstancias dos casos trombóticos notificados, aínda que sinalou que, polo momento, non hai indicios de que a vacinación causase estas afeccións, "que non figuran como efectos secundarios desta vacina". Aquí acaba de transcender que esta fin de semana detectouse un caso similar nun doente, se ben desde a Axencia Española do Medicamento, a súa directora María Jesús Lamas, non achegou máis datos.

Xa na pasada sexta feira a Organización Mundial da Saúde (OMS) defendeu que "non hai razón para non usar" a AstraZeneca. "Hai persoas que morren todos os días, polo que é normal que haxa persoas que foron inmunizadas e morren. Os informes dispoñibles ata o de agora non establecen unha relación directa cos  trombos xa que esta porcentaxe observouse tamén entre a poboación xeral", destacou a subdirectora xeral da OMS para o Acceso a Medicamentos e Produtos Sanitarios", Mariângela Simão.