Fun vacinada coa AstraZeneca, e agora que?

A cidadanía acudiu o sábado a zonas de vacinación masiva como a do Ifevi. (Foto: Europa Press)
A Xunta recoñeceu a semana pasada que recibira parte do lote que está a ser investigado polas autoridades sanitarias europeas. Malia todo, este sábado continuou coa vacinación entre galegas e galegos de entre 50 e 55 anos. Agora decídese parar temporalmente a inoculación do fármaco en todo o Estado español para agardar posíbeis reaccións adversas na cidadanía tratada. En España xa se notificou o primeiro caso, se ben non se concretou a zona.

Non toda a poboación que foi vacinada coa AstraZeneca na Galiza recibiu unha dose do lote que está a ser investigado, polo que o risco non parece xeral. Aliás, preguntada por este medio sobre as precaucións a tomar, a Consellaría de Sanidade remitiu a súa resposta a un breve comunicado de prensa no que indica que até "o momento, non se produciu" no país "ningún caso de reacción adversa grave.

O departamento que dirixe Julio García Comesaña só anunciou que suspende "cautelarmente" a administración da vacina desta farmacéutica, coa que esta mesma fin de semana trataba a case 15.000 persoas nun rango de idade comprendida entre os 50 e os 55 anos.

De feito, non todo o mundo foi tratado coa partida que está sendo estudada. Pola contra, si pararán de inocular o fármaco de maneira xeneralizada.

Sanidade indica que esta decisión vén dada "por un principio de prudencia" e non avisa de que as e os galegos teñan que seguir unhas pautas especiais para evitar episodios de trombose como os que se deron noutros países de Europa (e mesmo nunha ocasión no Estado español).

A priori, non debería darse ningunha situación anómala pero, en caso de dúbida, o mellor é dirixirse a un centro sanitario. Ademais, García Comesaña avisaba a semana pasada -cando non estaba previsto este paro- de que estaban a investigar se os medicamentos xa foran utilizados e con quen para ter un seguimento das e dos posíbeis pacientes.

Feixoo di que as e os pacientes están controlados

Así o confirmou nesta tarde o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ao ser interrogado polos medios dada a falta de datos máis concreto desde a área sanitaria do seu Goberno. Mesmo dixo que xa tiñan baixo vixilancia ás persoas que recibiron ese lote.

Así invita á cidadanía tratada con este remedio a estar tranquila e non facer nada especial como acudir ao médico nin tomar ningunha precaución porque "os efectos secundarios están medidos". "Non hai ningunha mensaxe de preocupación coa información que temos até agora, se houbera algunha mensaxe de preocupación, por suposto que seríamos os primeiros en difundila", comentou.

Os casos de efectos secundarios graves semellan reducidos polo que a campaña coa AstraZeneca só ficará parada de forma temporal, polo menos até que as autoridades sanitarias europeas indiquen o contrario. "Estamos convencidos de que seguiremos con esa vacina máis pronto que tarde", defendeu Feixoo, que xustifica este lapso por "unha cuestión de precaución".

Neste contexto, transcendeu que a Axencia Europea do Medicamento decidirá na quinta feira se precisa variar as súas consideracións sobre a seguridade da vacina contra a Covid-19 creada por AstraZeneca. Polo momento, e de cara á reunión de mañá, pensa que os beneficios son maiores que os riscos.