Covid: Sanidade notifica outras 14 vítimas e xa van 2.138

Dispositivo de realización das PCR. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Xunta volve comunicar pasamentos de varios días, xa que na xornada de hoxe decorreron seis óbitos. Tamén vén de notificar a morte dunha usuaria da residencia de Vila do Conde case tres meses despois de producirse.

O número de vítimas da Covid-19 na Galiza xa está en 2.138 após que a Consellaría de Sanidade notificara hoxe outras 14 mortes, seis delas decorridas nesta mesma xornada. Así, a Xunta segue coa súa estratexia das últimas semanas de mesturar decesos acaecidos en días diferentes até o mundo de comunicar un falecemento case tres meses despois de que tivera lugar.

Os 14 óbitos dos que fala hoxe tiveron lugar entre o día 14 de febreiro e hoxe mesmo, sendo neste día cando se contabilizaron seis.

Do domingo quedara sen contabilizar un home de 85 anos que estaba ingresado no Hospital de Lugo e que non puido superar a enfermidade. Onte o centro sanitario de Ferrol non puido facer nada para salvar a vida de dúas doentes, de 77 e 95 anos, esta última procedente da residencia A miña casa. Aliás, no centro finou outro usuario de 85 anos.

Tamén na segunda feira déronse os pasamentos dun varón de 89 anos que era atendido no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e doutro que fora trasladado ao Clínico de Compostela. Ademais, no hospital ourensán morreu un home de 95 anos. Por último, desde a área sanitaria de Pontevedra comunicouse o falecemento dunha paciente de 68 anos.

Xa nesta terza feira finaron seis persoas, unha delas vinculada a un xeriátrico. Desde Ferrol avisaron de que non curou do coronavirus un home de 91 anos e no Complexo Hospitalario Álvaro Cunqueiro de Vigo notificaron os decesos dunha muller de 91 anos e outra de 63.

Na Coruña decorreron as mortes dun varón de 84 anos que padecía a Covid-19, ao igual que unha paciente de 95 anos. Ademais, no Hospital de Valdeorras sumaron o deceso dun home de 85 anos que chegara desde a residencia de maiores de Larouco.

Curiosamente esta nova forma de fornecer os partes da Consellaría fai que na segunda feira se deran a coñecer 28 vítimas, sendo unha delas unha muller de 84 anos que perdeu a batalla contra a enfermidade o 28 de novembro de 2020. A finada era usuaria da residencia de Vila do Conde de Gondomar.