Nove concellos en alerta vermella por Covid-19 nos últimos 7 días
A Consellaría de Sanidade fixo públicos esta sexta feira os primeiros mapas de incidencia de coronavirus a 7 e 14 días. Un total de nove concellos levan en alerta vermella na última semana.
Os primeiros mapas oficiais publicados pola Xunta da Galiza desde o inicio da pandemia demostran que hai nove concellos galegos en nivel de alerta vermella pola incidencia da Covid-19 nos últimos sete días.
Na súa maioría os municipios afectados pertencen á área sanitaria de Ourense. Son, ademais de Ourense e Barbadás, que se manteñen fechados ás entradas e saídas de persoas sen motivos xustificados, O Carballiño, Verín e O Barco de Valdeorras, que se atopan no nivel 2 de restrición e onde está prohibida a reunión de persoas que non convivan.
Tamén forman parte dos concellos en alerta vermella Pereiro de Aguiar e Monterrei, municipios onde onte transcenderon dous grandes gromos de Covid-19 en dúas residencias de maiores.
A alerta vermella tamén afecta os concellos de Marín, no Morrazo, e Ames, na comarca de Santiago, ambos os dous con restricións de nivel 2.
Para estabelecer as cores de alerta, a Xunta da Galiza emprega os seguintes criterios. En concellos de menos de 50.000 habitantes, o nivel 1 (verde) representa menos de 7 casos novos á semana; o nivel 2 (amarelo), entre 7 e 13 casos novos á semana; o nivel 3 (laranxa), entre 14 e 20 casos novos á semana) e o nivel vermello, 21 ou máis casos novos á semana.
En nivel laranxa atópanse Narón, A Coruña, Culleredo, Compostela, Teo, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, e Xinzo de Limia e en amarelo Sada, Cambre, Arteixo, A Laracha, Fisterra, Boiro, Rianxo, Pontevedra, Lalín, Lugo, Cangas, Vigo, Mos, O Porriño, Ribadavia, Celanova e Allariz.
A taxa de incidencia da Galiza, acumulada a 7 días, a 7 de outubro era de 62 por 100.000 habitantes. A 14 días ascende a 111 casos por 100.000 habitantes.
Os mapas serán enviados aos concellos e aos medios de comunicación, segundo informou a Xunta, dúas veces á semana.