Covid: Galiza rexistra oito novos falecementos

Unha sanitaria amosa unha das vacinas no Reino Unido. (Foto: Liam Mcburney / DPA)

O número total de falecementos derivados do coronavirus achégase aos 1.300. Catro dos decesos rexistrados ao longo da xornada de hoxe teñen relación coas residencias de maiores.

A Xunta comunicou esta terza feira o falecemento de oito persoas por afeccións de saúde vinculadas co coronavirus. Porén, os catro homes e as catro mulleres padecían algunhas patoloxías previas a infectarse do virus.

Con estes novos pasamentos, xa son 1.281 as vítimas que a pandemia se cobrou na Galiza desde o mes de marzo.

Dos oito casos que sumaron hoxe as autoridades sanitarias, a metade teñen vínculos coas residencias de maiores. Malia que as cifras de afectadas nestas infraestruturas baixan por recuperacións, tamén hai que lamentar algunhas mortes.

O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) informou do deceso dunha muller de 93 anos e o hospital compostelán comunicou que finaron dous varóns de 74 e 93 anos.

No centro hospitalario de Pontevedra os equipos sanitarios non puideron facer nada por salvar a un home de 70 anos. Ademais, nesa mesma instalación perderon a vida dúas usuarias de 81 e 97 anos da residencia de Vilaboa. Xa no Hospital Lucus Augusti faleceu un residente do Asilo de Vilalba que tiña 93 anos.

Tamén no hospital, aínda que neste caso no de referencia de Ourense, faleceu unha doente de 80 anos que fora trasladada desde a San Antonio de Beariz.

Afección nas residencias

Á marxe destes últimos falecementos, a situación parece mellorar un pouco nos xeriátricos. Nestes momentos quedan 330 usuarias e 191 traballadoras e traballadores con síntomas da Covid-19. O foco máis grande é o da residencia Vila do Conde (Gondomar), onde Política Social ten rexistradas 108 pacientes.

En Vilalba continúan enfermas 45 residentes, na Soremay de Pontevedra 41 e no centro de Vilaboa son 36. En Beariz habería 19 casos activos e na San Salvador de Guntín 16. O resto de afectadas entre as persoas que viven nestas infraestruturas están nunha ducia de lugares diferentes como Pontedeume, San Cibrao, Barbadás, Mos e Castrelo de Miño.