Covid: Galiza chega as 1.336 vítimas após unha semana con baixada dos pasamentos

Unha persoa maior é atendida por sanitarias en Italia. (Foto: Europa Press)
Entre a segunda feira e hoxe fontes da Consellaría de Sanidade comunicaron 24 falecementos polos problemas sanitarios derivados do coronavirus. Nove dos decesos tiveron relación coas residencias de maiores.

A Xunta notificou hoxe o falecemento de catro persoas debido ao coronavirus. Todas elas tiñan patoloxías previas e a Covid-19 complicou a súa saúde até o punto de que non se puido facer nada por salvalas. Con estas novas mortes o número de vítimas da pandemia xa ascende a 1.336

Segundo fontes sanitarias, dous dos óbitos estaban relacionados con residencias. Morreu unha muller de 104 anos que era usuaria da San Antonio de Beariz e outra de 84 anos que estaba no Complexo Hospitalario de Vigo (Chuvi) e fora trasladada desde a Vila do Conde de Gondomar.

Ademais, no hospital de Pontevedra tivo lugar o pasamento dunha doente de 70 anos e no de Ourense finou un varón de 91 anos.

Malia que o feito de que haxa vítimas do virus continúa a ser preocupante, a evolución dos falecementos continúa á baixa desde que o domingo se comunicaran seis decesos. En concreto, nesta semana -de segunda a sexta feira- comunicouse que perderon a vida pola infección 24 persoas.

A segunda feira foi a xornada cun rexistro máis alto, con sete notificacións. Tanto a terza feira como a cuarta finalizaron con catro vítimas e onte a Consellaría de Sanidade falaba de cinco casos nos que os equipos médicos non puideron facer nada contra a Covid-19.

Deste total, 9 eran usuarias de catro xeriátricos. Especial incidencia tivo o de Vila do Conde en Gondomar, que xa leva despedido a catro residentes en cinco xornadas.

Da residencia Soremay de Pontevedra procedían dous dos finados. Tamén en instalacións hospitalarias decorreron os óbitos de tres persoas que vivían nos centros de maiores de Asilo de Vilalba, San Salvador de Guntín e San Antonio de Beariz.