A Interpol advirte de que as vacinas da Covid poden ser un obxectivo criminal

Por outra banda, Rusia e Italia anunciaron os seus plans de vacinación, que contemplan a inoculación gratuíta e voluntaria da poboación. E o Reino Unido aprobou o uso do remedio de BioNTech/Pfizer.
EuropaPress_3457811_30_november_2020_wales_wrexham_uk_prime_minister_boris_johnson_holds_up_the
photo_camera Reino Unido autorizou onte o uso da vacina de BioNTech/Pfizer (Foto: Andrew Parsons / 10 Downing Street)

A Interpol, a axencia policial internacional con sede en París, alertou esta terza feira de que redes do crime organizado poderían ter como obxectivo as vacinas da Covid-19. Tamén, que buscasen entrar no negocio da venda de doses falsas, segundo advirte na Alerta Laranxa enviada aos seus 194 Estados membros, onde pide que se preparen para estas actividades delitivas.

"Ao tempo que os Gobernos se preparan para desenvolver as vacinas, as organizacións criminais están a planear a súa infiltración e perturbación das cadeas de subministración. As redes criminais tamén terán por obxectivo membros non sospeitosos da cidadanía a través de páxinas web falsas e falsas curas, que poderían supor un risco significativo para a súa saúde, mesmo para as súas vidas", declarou o secretario xeral da Interpol, Juergen Stock.

A posibilidade de falsificacións, roubos e publicidade ilegal non se cingue ás vacinas da Covid-19, senón tamén ás da gripe, sinala Interpol. Un risco este que pon en relación co "comportamento criminal oportunista e depredador" que xa se detectou en torno á pandemia.

Tamén os tests do coronavirus serán o obxectivo dunha produción e distribución paralela de produtos non autorizados e falsificados conforme se restabelezan as viaxes internacionais.

Voluntaria e gratuíta

Por outra banda, o presidente de Rusia, Vladimir Putin, pediu hoxe ao Goberno que dese comezo, xa na vindeira semana, á vacinación contra a Covid de profesionais médicos e da ensinanza, nun momento en que o país pelexa cunha repunta no número de contaxios pondo os hospitais ao límite nalgunhas rexións.

A vacina, a Sputnik V, será subministrada de forma voluntaria e require de dúas doses. Segundo informaron esta semana desde Gamaleya, o instituto que a desenvolveu, conta cunha eficacia por riba de 95%.

Tamén en Italia a vacinación será voluntaria e gratuíta para a cidadanía, segundo anunciou onte o ministro de Sanidade, Roberto Speranza, nunha comparecencia no Senado. Os traballadores sanitarios e os usuarios e persoal laboral das residencias de anciáns, así como as persoas de idade avanzada, serán os colectivos prioritarios na vacinación.

Reino Unido

Ademais, o Reino Unido converteuse no primeiro país que autoriza a vacina desenvolvida por BioNTech e Pfizer despois de o organismo regulador británico (MHRA) dar a autorización. A campaña podería iniciarse en cuestión de días.

Comentarios