Covid: As crianzas da Coruña quedan sen a tradicional Cabalgata de Reis

A alcaldesa, Inés Rey, coa concelleira de Turismo, Diana Cabanas. (Foto: Europa Press)
A alcaldesa da cidade, Inés Rey, xustifica a decisión polo contexto da pandemia, mais asegura que as maxestades visitarán ás crianzas de todos os barrios. Nas celebracións deste Nadal terán especial importancia as vítimas do coronavirus.

As festas deste ano serán diferentes para toda a sociedade galega pero en especial para as crianzas, que empezan a ver como quedan canceladas actividades que xa eran tradición. Mentres as e os maiores debaten sobre quen vai asistir á cea de Noiteboa ou ao xantar de Ano Novo para cumprir cos máximos que marque a Xunta, xa hai unha cabalgata de Reis que se deu de baixa da axenda de Nadal.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou esta sexta feira que este ano os Magos non recorrerán as rúas da cidade nun evento masivo como viña sendo habitual. O motivo non é outro que a pandemia, a imposibilidade de manter as distancias de seguridade nun eventos destas características e o risco de contaxios. Polo tanto, nunha das sete grandes cidades do país xa se confirma que non se verán carrozas e lanzamento de caramelos nas rúas.

Porén, asegurou que os Reis agardados polas crianzas visitarán os distintos barrios. “Os Reis Magos chegarán a todos os barrios e toda a rapazada poderá velos”, explicou nunha comparecencia na que estivo acompañada pola concelleira de Turismo, Diana Cabanas.

Así mesmo, sobre as accións organizadas polo Concello, Rey comentou que van estar dedicadas a lembrar “a todas as persoas que faleceron neste fatídico 2020”.

Homenaxe ás persoas anónimas

Igualmente está previsto que se lle faga unha homenaxe ás “persoas anónimas que nos coidaron durante o confinamento para amosarlles o noso agradecemento”. Así falou de todas e todos os traballadores dos servizos básicos que non deixaron os seus postos mentres o resto da poboación permanecía na casa.

Será unha representación desas cidadás a que acenda o alumeado de Nadal a próxima sexta feira 4 de decembro.

Ademais, mantendo a outra tradición de incorporar cada ano unha figuriña ao Belén municipal, a rexedora avanzou que a protagonista vai ser unha persoa anónima, unha muller aplaudindo como “símbolo dos aplausos que cada día rompían o silencio da cidade”.

Haberá algunhas actividades en puntos como a praza de María pero, nestas festas “atípicas”, “o importante será coidar da saúde de todas e todos”.