As festas deste ano serán diferentes para toda a sociedade galega pero en especial para as crianzas, que empezan a ver como quedan canceladas actividades que xa eran tradición. Mentres as e os maiores debaten sobre quen vai asistir á cea de Noiteboa ou ao xantar de Ano Novo para cumprir cos máximos que marque a Xunta, xa hai unha cabalgata de Reis que se deu de baixa da axenda de Nadal.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou esta sexta feira que este ano os Magos non recorrerán as rúas da cidade nun evento masivo como viña sendo habitual. O motivo non é outro que a pandemia, a imposibilidade de manter as distancias de seguridade nun eventos destas características e o risco de contaxios. Polo tanto, nunha das sete grandes cidades do país xa se confirma que non se verán carrozas e lanzamento de caramelos nas rúas.
Porén, asegurou que os Reis agardados polas crianzas visitarán os distintos barrios. “Os Reis Magos chegarán a todos os barrios e toda a rapazada poderá velos”, explicou nunha comparecencia na que estivo acompañada pola concelleira de Turismo, Diana Cabanas.
Así mesmo, sobre as accións organizadas polo Concello, Rey comentou que van estar dedicadas a lembrar “a todas as persoas que faleceron neste fatídico 2020”.
Homenaxe ás persoas anónimas
Igualmente está previsto que se lle faga unha homenaxe ás “persoas anónimas que nos coidaron durante o confinamento para amosarlles o noso agradecemento”. Así falou de todas e todos os traballadores dos servizos básicos que non deixaron os seus postos mentres o resto da poboación permanecía na casa.
Será unha representación desas cidadás a que acenda o alumeado de Nadal a próxima sexta feira 4 de decembro.
Ademais, mantendo a outra tradición de incorporar cada ano unha figuriña ao Belén municipal, a rexedora avanzou que a protagonista vai ser unha persoa anónima, unha muller aplaudindo como “símbolo dos aplausos que cada día rompían o silencio da cidade”.
Haberá algunhas actividades en puntos como a praza de María pero, nestas festas “atípicas”, “o importante será coidar da saúde de todas e todos”.