O concello da Coruña gastará 300.000 euros só nunha cabalgata de reis

O goberno local do PP que encabeza Carlos Negreira insiste nos desmedidos gastos en festas, segundo denuncia o Bloque, que apunta a case 900.000 euros públicos no próximo nadal.

negreirabispo
photo_camera Negreira saúda a un bispo.

Após un gasto moi criticado nas festas de María Pita, que nas estimacións máis conservadoras supuxeron un investimento de 3,5 millóns de euros, a aposta do goberno municipal do PP da Coruña por un determinado modelo de celebracións que supoñen un enorme gasto ás arcas públicas en detrimento doutras partidas -como as sociais- volve acaparar espazo despois da denuncia do BNG arredor de que andarán polos 850.000 euros os gastos que o alcalde Carlos Negreira manexa para este nadal nunhas actividades que poderían ser máis económicas ou que resultan directamente innecesarias.

"Negreira insiste na inhumanidade de pouco pan e moito circo" denuncian @s nacionalistas

Nunha nota de prensa, o Bloque asegura que “á vista do prezo de licitación do alugueiro de carrozas para a cabalgata deste nadal, 91.960 euros, o Goberno Local gastará máis de 300.000 mil euros só na cabalgata. Un gasto que se suma a outros que se fan na época do Nadal, como os máis de 135.000 que se gastarán no poboado lapón de María Pita e os 422.441,25 euros que custa só a montaxe de iluminación ornamental do Nadal, e que mostran, máis unha vez, que o Goberno do señor Negreira vive de costas á realidade da maioría do pobo coruñés e das súas necesidades sociais e económicas”.

Nesta liña, a formación nacionalista asegura que “o prezo de licitación do alugueiro de carrozas, ao igual que o ano pasado, é un 40% máis que hai dous anos e un 160% máis que o anterior mandato”. “Estes dispendios mostran o lonxe que o Goberno de Negreira está da realidade da maioría da poboación coa súa insistente e inhumana política de pouco pan e moito circo”

Comentarios