Covid: Confírmanse 11 positivos vencellados á cea dun cento de médicos en Compostela

Unha sanitaria comproba un test de antíxenos. (Foto: Javier Pulpo / Europa Press)
As persoas responsábeis da área sanitaria de Compostela e O Barbanza foron as encargadas de comunicar os contaxios na tarde desta cuarta feira. As infeccións terían relación cunha cea recente na que participaron 120 residentes.

A área sanitaria de Santiago de Compostela-Barbanza vén de notificar que once profesionais da sanidade foron diagnosticadas como casos positivos da Covid-19 nas últimas horas.

Segundo a información que trasladaron na tarde desta cuarta feira, a posíbel orixe dos contaxios estaría nunha cea que tivo lugar hai pouco tempo e nesta participaron unhas 120 persoas que traballan como residentes na área compostelá.

Así non se poden descartar que aparezan novos casos e, de feito, as fontes consultadas por Europa Press insistiron na consideración de que "até o momento" hai 11 individuos infectados.

Ademais, ao longo desta última xornada realizouse un cribado ao resto de participantes da reunión. Tamén a outro persoal de diferentes áreas até chegar a arredor de 300 persoas. Está previsto que os resultados se dean a coñecer esta quinta feira, 16 de decembro. 

Após constatar a existencia deste gromo, remitiuse un escrito aos xefes de servizo no que se insta a abordar cos seus equipos a necesidade de actuar con responsabilidade

A dirección hospitalaria asegurou que "non tiña coñecemento" de que decorrera a cea.

De feito, quixo lembrar "que este tipo de ceas contraveñen as recomendacións dadas expresamente ao persoal dos servizos sanitarios no marco da pandemia". En especial, coa chegada da sexta onda a Galiza.

Despois de constatar a existencia deste foco, remitiuse un escrito aos xefes de servizo no que se insta a abordar cos seus equipos a necesidade de actuar con responsabilidade dada a situación e o propio papel de exemplo dos sanitarios, ademais de subliñar que o impacto, se a evolución da Covid-19 é negativa, recaerá na sanidade.