Covid: O Asilo de Vilalba rexistrou catro mortes que non se sumaron por un erro informático

Un sanitario con protección fronte á Covid-19. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A residencia da Terra Chá sufriu un gran gromo, do que non se tiñan coñecido grandes números de vítimas mortais. A Consellaría de Sanidade vén de aclarar que os pasamentos tiveron lugar entre a segunda quincena de novembro e o que vai deste mes. Ademais, hoxe faleceron seis persoas máis.

Un suposto erro informático diminuíu en catro persoas o número de vítimas mortais pola pandemia na Galiza até hoxe. A Consellaría de Sanidade explicou que non se tiñan contabilizado na estatística global catro falecementos vinculados á residencia Asilo de Vilalba.

Malia que neste centro xeriátrico da comarca da Terra Chá detectouse un dos gromos máis grandes apenas houbo información sobre óbitos, o que facía pensar na curación da maioría das e dos usuarios. No parte desta mañá notificouse a alta de 40 doentes, se ben a infraestrutura segue a ser unha das que ten máis persoas infectadas do país tan só por detrás da Vila do Conde de Gondomar.

Aliás, agora sábese que entre a segunda quincena de novembro e o que vai do mes de decembro rexistráronse polo menos catro decesos que non foron comunicados publicamente "por un erro informático".

Á marxe deses catro finados en Vilalba, hoxe houbo que lamentar outros seis pasamentos. Isto fai que a suma do día ascenda ás 10 pacientes afectados pola Covid-19. Así, a cifra desde que comezou a pandemia chegou ás 1.246 vítimas.

Con patoloxías previas

Dúas pacientes morreron no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). En concreto, un home de 69 anos e unha muller de 93.

No centro hospitalario de Compostela (CHUS) os equipos sanitarios non puideron salvar a vida dunha paciente de 91 anos e en Ferrol finou unha muller de 94 anos.

Xa no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) perderon a vida unha muller de 74 anos e un home de 86. Segundo fontes da Consellaría de Sanidade, todas estas persoas padecían patoloxías previas que se viron complicadas polo virus.