A Covid-19 segue a avanzar na Mariña: 22 novos casos positivos

Praia da Rapadoira, en Foz, A Mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Nove persoas relacionadas co brote xa están curadas e foron dadas de alta, o que deixa o número de casos activos en 119.

 

A Consellaría de Sanidade informa que, segundo as probas realizadas até a mañá desta segunda feira, confírmanse outros 22 casos positivos de persoas afectadas por Covid-19 no brote da Mariña, o que eleva a 128 o número total de casos detectados pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.

Porén, indica sanidade, nove persoas xa están curadas e foron dadas de alta, o que implica que o número de casos activos de Covid-19 nestes momentos na comarca da Mariña é de 119.

Dos 119 casos activos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, aponta Sanidade, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días.

Catro persoas con resultado positivo están ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorábel. 

Ademais, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.

A Consellería de Sanidade segue a investigar posibles contactos dos novos positivos que van xurdindo.