A Mariña, confinada

A Mariña iniciou esta segunda feira o confinamento (Carlos Castro / Europa Press)
A Mariña, fechada desde as 00:00 horas e durante cinco días por mor do brote de COVID-19, unha medida que afecta 70.000 persoas

O coronavirus está disparado na Mariña. Por iso, o Goberno galego decidiu pechar a comarca, unha medida que permanecerá activa desde as 00:00 horas desta segunda feira e, en principio, durante cinco días. Ninguén poderá entrar e saír da área salvo por causa xustificada.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galiza é de 258, deles 40 son da área da Coruña, 117 da de Lugo, 5 da de Ourense, 2 da de Pontevedra, 77 da área de Vigo, 13 da de Santiago, e 4 da de Ferrol.

Do total de doentes  positivos, 6 están en unidades de hospitalización e 252 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, na Galiza hai un total de 10.776 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.. Ademais, na xornada de onte non se rexistraron falecementos en centros residenciais.

Os datos son especialmente alarmantes na área de Lugo, onde vinculado ao brote da Mariña os casos activos aumentaron en 30 con respecto á xornada de onte. Ademais, as cifras contrastan coas da Coruña (-10), Pontevedra (-2), Vigo (-24), Ourense (-5), Ferrol (-3) e Compostela (-7).

Até dous días antes das eleccións

As medidas, que se publica o Diario Oficial da Galiza (DOG) estarán vixentes até a próxima sexta feira, dous días antes das eleccións galegas, convocadas para o domingo 12 de xullo.

Almuiña indicou que a decisión está tomada "de acordo cos técnicos do Ministerio de Sanidade", tras o incremento de casos dos últimos días, pero os responsábeis galegos consideran que non hai unha transmisión comunitaria, posto que os positivos teñen "unha relación clara" e están "case todos" no mesmo concello, que é o de Burela.

Dos positivos só catro están hospitalizados, dos que dous presentan dificultades respiratorias asociadas ao coronavirus e outros dous teñen "patoloxías principais" e, ademais, deron positivo. O resto dos afectados ten síntomas leves. O titular de  Sanidade sinalou que se trata maioritariamente de persoas mozas e a media de idade é de 35 anos e a idade máis frecuente, de 20. O foco, engadiu, "vincúlase fundamentalmente ao lecer".

De entre as persoas que están confinadas -tanto as que deron positivo como os contactos que están á espera de probas ou que vixían se se presentan síntomas- unha está na cidade de Lugo, pero "está relacionado" co brote da Mariña.

As restricións aplícanse aos 14 municipios que integran o distrito sanitario da Mariña: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove. O Goberno galego pediu a colaboración tanto dos alcaldes e as policías locais como da Delegación do Goberno en Galicia e os corpos e forzas de seguridade do Estado e da Policía Autonómica.

"Considérase necesario neste momento aumentar os niveis de esixencia no distrito sanitario da Mariña para mellorar o prognóstico e adiantarnos á posibilidade dun crecemento exponencial", argumentou o conselleiro, que explicou que se fará unha "avaliación diaria" dos datos durante eses cinco días. Transcorrido ese período avaliarase se se prorroga ou non.

Un dos factores que poden "axudar a controlar o brote", apuntou Almuiña, é que os positivos destes días coinciden co período de incubación desde as celebracións de San Xoán, arredor de cando cren que se estendeu o virus.

Liberdade dentro da comarca

Aínda que dentro da comarca os cidadáns poderanse mover sen restricións, O director  xeral de  Saúde Pública, Paz-Ares chamou a evitar "na medida do posíbel "traslados entre municipios. Quedan fóra das limitacións de mobilidade quen cruce polas autovías e as actividades de transporte, prestación de servizos e comercio e outras actividades económicas.

O uso das máscaras será "obrigado" na vía pública e nos espazos ao aire libre ou pechados "en todo momento". "Desde o momento en que saes de casa é imprescindíbel que leves a máscara e facer un bo uso dela; ten que ir ben colocada", subliñou.

Para os locais de lecer nocturno, agregou Paz-Ares, "mantense a demora". As reunións familiares e sociais permítense para até 10 persoas, mentres que os velorios e enterros quedan limitados a 25 persoas (estaban a permitirse até  75), se son en espazos abertos, e a 10 (permitíanse 30) en lugares pechados. Nas comitivas poderán ir 25 persoas.

Os locais de hostalería deberán reducir o aforo do 75 ao 50%, e non se poderá consumir de pé ou na barra, só nas mesas. Todos os traballadores e clientes deberán levar a máscara, salvo no momento de consumir. Ademais, deberán ter desaloxado o estabelecemento e pechar a medianoite.

Tamén as piscinas reducen o aforo a 50%, cun límite de 100 persoas, que non poderán estar en grupos de máis de 10. Do mesmo modo que na praia, haberá que levar máscara en todo momento, salvo para o baño. Nos areais o espazo por persoa pasará de tres a catro metros cadrados, e a Xunta suxire aos deportistas que os eviten salvo que poidan garantir as distancias de seguridade.

Con respecto aos establecementos e locais comerciais, pasan tamén do 75 ao 50%, e no caso dos centros comerciais, as zonas comúns serán só de tránsito. Pecharán as zonas recreativas infantís e as ludotecas. A mesma capacidade limitada será aplicada nos casos de mercados públicos, academias, autoescolas, centros privados de ensino, bibliotecas, arquivos, museos, teatros cinemas e albergues turísticos, espazos todos eles nos que non se poderán reunir grupos de máis de 10 persoas.