A Covid-19 persistente é definida pola OMS oficialmente como enfermidade

Janet Díaz, directora de xestión clínica da OMS. (Foto: Twitter)
Prosigue a redución de casos de coronavirus na Galiza, na xornada na que a OMS resolve considerar doenza a posCovid-19, co obxectivo de tratar axeitadamente eses pacientes.

Aínda que a maioría das persoas que padecen a Covid-19 acaban por recuperarse, algunhas pacientes sofren “efectos a longo prazo no seu organismo, nos sistemas pulmonar, cardiovascular e nervioso, así como efectos psicolóxicos”, explica a Organización Mundial da Saúde (OMS).

Baseados na evidencia dispoñíbel, esta segunda feira decidiron definir oficialmente esta condición como unha enfermidade tras unha consulta con profesionais de todo o mundo, co nome de “posCovid-19” ou “Covid-19 persistente”.

O obxectivo principal desta medida é facilitar o tratamento das persoas doentes.

Esta patoloxía aparece “normalmente tres meses despois do inicio da infección, con síntomas que duran cando menos dous meses e non poden explicarse por un diagnóstico alternativo”, narrou Janet Díaz, xefa de xestión clínica da OMS, que incidiu en que “agardamos que os responsábeis políticos e os sistemas sanitarios estabelezan modelos sanitarios para atender estes pacientes”.

SARS-CoV-2 na Galiza

Na última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade, revélase que hai 502 casos activos de coronavirus na Galiza, 32 menos que no último reporte, o que profunda na diminución do impacto da enfermidade que se está a vivir desde agosto.

A área máis afectada continúa a ser a da Coruña, con 157 pacientes, mentres que o resto de áreas está por baixo do centenar de casos.

Non hai novos falecementos, indica o Sergas, polo que o número de defuncións desde o comezo da pandemia sigue en 2.641.

Con respecto á presión hospitalaria, 10 persoas están sendo tratadas nas UCI e 27 en unidades de hospitalización.