Baixan a 14 os novos contaxios de Covid-19 na Galiza mentres aumentan a 47 os pacientes hospitalizados

Dúas mozas retiran o certificado Covid no punto administrativo de Ourense. (Foto: Xunta da Galiza).
Os casos activos descenden a 502.

Galiza inicia esta semana cun descenso dos novos contaxios de Covid-19 a 14, a menor cifra desde o inicio do outono e da 'nova normalidade', mentres que os pacientes ingresados aumentan a 47 -tres máis-. Os casos activos baixan a 502 e a taxa de positividade cae a un 0,5%.

Segundo os datos publicados na mañá desta segunda feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas do domingo, mantéñense 10 persoas ingresadas pola Covid-19 en UCI e ascenden a 37 os ingresados noutras unidades -tres máis-, mentres que 455 pacientes permanecen en seguimento domiciliario.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente nas da Coruña e Cee, onde seguen tres pacientes en UCI e soben a 16 os doutras unidades -dous máis-; e Vigo, que continúa cun ingresado en críticos e oito noutras unidades -un máis-.

Nas outras cinco áreas sanitarias non hai cambios con respecto á xornada pasada, polo que Ferrol segue sen ingresados pola Covid-19; a de Ourense ten un en críticos; e a de Pontevedra e O Salnés uno en UCI e outro en planta.

Galicia inicia esta semana coa primeira ponte -o do 12 de outubro- sen restricións de mobilidade pola Covid-19 con 502 casos activos, que supoñen 32 menos que a xornada anterior, ao haber máis altas (46) que contaxios (14).

As infeccións activas aumentan lixeiramente en dúas das sete áreas: A Coruña e Cee (+1) e Ferrol (+1); mentres que descenden en cinco: Ourense (-10), Lugo (-8), Pontevedra e O Salnés (-8), Vigo (-7) e Santiago e Barbanza (-1).

En canto aos novos contaxios de Covid-19 caen a 14 no conxunto de Galiza no inicio desta semana, o que supón 15 menos que os 29 cos que finalizou a anterior, e representan a cifra máis baixa desde que entrou na 'nova normalidade'.

Todos eles foron positivos detectados por Proba de Detección de Infección Activa nas últimas 24 horas, deles sete corresponden á área da Coruña e Cee; dous, á de Santiago e Barbanza; outros dous, á de Vigo; un, á de Pontevedra e O Salnés; outro, á de Lugo; e outro, á de Ferrol, mentres que na de Ourense non houbo. As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia en Galicia mantéñense en 2.641, ao non notificar este domingo a Consellaría de Sanidade novas vítimas.