Cerdedo-Cotobade

Conseguen retirar do río o autobus sinistrado e comeza a investigación

Traballos de retirada do bus esta terza feira (Foto: RTVE).
Non estaba claro se os equipos que traballarían na retirada do bus do leito do río Lérez serían quen de sacar o vehículo, mais finalmente conseguiron facelo por volta das 16 horas.

Esta terza feira daban comezo os traballos de retirada do bus sinistrado esta Noiteboa en Cerdedo-Cotobade. Non estaba claro se os equipos que traballarían na retirada do bus do leito do río Lérez serían quen de sacar o vehículo, mais finalmente conseguiron facelo por volta das 16 horas.

Desde a mañá da segunda, bombeiros e axentes da Garda Civil de Montaña descenderon até o autobús para realizar tarefas de preparación de cara á retirada do vehículo do río.

Así, os profesionais cortaron árbores e retiraron partes da carrozaría do autobús para alixeirar o seu peso e, así mesmo, evitar que a auga se concentre no interior do habitáculo.

Comeza a investigación

Unha vez retirado o vehículo, dá comezo de maneira oficial a investigación do acontecido. Segundo apuntaban esta segunda feira desde institucións e corpos de seguridade, a investigación comezará con "todas as hipóteses abertas".

Até o momento, segundo confirmou esta segunda feira o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, aínda non foi analizada a información do tacógrafo do autobús, cuxo condutor, un dos dous superviventes, deu negativo nas probas de alcol e drogas.