A Coruña e Vigo gañan dúas novas prazas de xuíza de violencia machista a conta de dúas de instrución
Dúas das catro novas prazas de xuíces que sustentan as seccións especializadas en abordar casos de violencia machista que gaña Galiza crearanse, como anticipaba o anteproxecto de decreto deseñado polo Ministerio de Xustiza, a conta de transformar –e de facto suprimir– outras dúas de xulgados de instrución, en concreto na Coruña e Vigo.
Así o ratifica o decreto definitivo que publica esta cuarta feira, 4 de xuño, o Boletín Oficial do Estado (BOE). Nel, concrétase que se crean catro novas seccións especializadas en violencia sobre a muller para os partidos xudiciais de Santiago, Ourense, A Coruña e Vigo.
No caso de Santiago e Ourense as prazas van no artigo 5 que certifica as que se crean especificamente. Con todo, no caso da Coruña e Vigo, inclúense no artigo 4 do decreto que certifica a transformación de varias prazas de sección de instrución en prazas de sección de violencia sobre a muller.
En concreto, na Galiza, a praza número 8 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia da Coruña, en funcionamento, transfórmase na praza número dous da sección de violencia sobre a muller. O mesmo ocorre en Vigo, onde a praza número 8 de Instrución, en funcionamento, convértese na que sustentará un segundo xulgado para abordar os casos de violencia machista.
Esta vía, a da conversión de prazas de instrución en prazas para reforzar as seccións de violencia sobre a muller, utilízase para un total de oito prazas: as dúas da Galiza e outro seis en distintos partidos de Andalucía, Madrid e Valencia.
Posta en marcha
Deste xeito, o real decreto contempla a creación de 50 novas prazas de xuíces, das cales, oito prazas son resultantes da transformación de prazas existentes nas Seccións de Instrución do mesmo partido xudicial e 42 prazas son de nova creación. Ademais, cada nova praza de xuíz irá acompañada da creación dunha praza de fiscal especializado, sumando así 42 novas prazas no cadro do Ministerio Fiscal.
A maioría destas novas prazas está previsto que entren en funcionamento o 31 de decembro de 2025, coincidindo coa culminación da aplicación da nova estrutura xudicial prevista na Lei de Eficiencia do Servizo Público de Xustiza que transforma 3.900 xulgados en 431 Tribunais de Instancia.

