Cortan a N-120 en Sober para denunciar o "perigo" do estado da calzada
A manifestación convocada pola asociación veciñal Xuntos por Lugo cortou este sábado, 28 de febreiro, a N-120 a altura de Canabal, no concello de Sober (Terra de Lemos), para denunciar o "perigoso estado" da calzada que está provocando multitude de incidentes.
A mobilización, que impediu o tráfico en ambos os sentidos durante media hora, tivo unha "moi boa acollida" segundo recoñeceu o portavoz da organización, Alberto Rodríguez, que alertou sobre os problemas de circulación no punto quilométrico 527 ante o corte dun sentido pola situación da calzada.
"O deterioro do firme, con fochancas, gretas, afundimentos e tramos en condicións claramente deficientes, converte esta vía nun perigo constante para as persoas usuarias. Cada desprazamento supón un risco innecesario que non debería existir nunha infraestrutura fundamental para o noso territorio", denunciaron.
A asociación, á súa vez, denunciou o "abandono histórico e o esquecemento sistemático das vías lucenses por parte das administracións do Estado" a través dun comunicado. Así mesmo, o portavoz da asociación apuntou que esta segunda feira, retomáronse as obras de rehabilitación da N-540 despois de que Xuntos por Lugo convocase unha manifestación hai dúas semanas na zona de Calde para expoñer a "inseguridade total" da devandita vía.
"Queremos deixar claro que o titular desta vía é o Ministerio de Transportes, e que é o Ministerio quen debe asumir a responsabilidade directa desta situación. Lugo non pode seguir sendo esquecida nin tratada como territorio de segunda", criticaron. "Non estamos falando de simples molestias. Estamos falando de seguridade. Estamos falando de responsabilidade. Estamos falando de vidas humanas", reiteraron.

