Ciencia

A USC considera a experimentación con animais "imprescindíbel"

Un técnico do Centro de Biomedicina Experimental da Galiza (Foto: Europa Press).
A tendencia que apuntan as estatísticas é un descenso xeneralizado no emprego de animais de experimentación

"A experimentación con animais é un luxo que parte dunha licenza que a sociedade concede á ciencia para que siga avanzando". Son palabras de Anxo Vidal, profesor de Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e un dos responsábeis do Centro de Biomedicina Experimental (Cebega), centro singular especializado na investigación con animais.

O Cebega é un dos catro centros da USC onde se experimenta con animais xunto cos acuarios da Facultade de Bioloxía (Compostela), da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (Riaidt, en Lugo) e o animalario do campus de Lugo. Neles, o pasado ano empregáronse 18.656 animais para experimentos, uns 2.500 menos que en 2020 e 5.000 menos que en 2019.

Destes, case o 70% foron ratos, especie na cal está centrado o traballo do Cebega polo momento, pois está á espera da posta en marcha da área que irá destinada á experimentación con peixe cebra. O resto de animais empregados foron ratas (11,5%), coellos (0,4%), peixe cebra (2,6%) e outros peixes (15,7%).

A tendencia que apuntan as estatísticas (todos os centros investigadores que operan con animais están obrigados a reportar anualmente as cifras) é un descenso xeneralizado no emprego de animais de experimentación, inclinación que tamén reflicte a USC, cunha caída de 21% respecto a 2019, último exercicio de referencia tras dous anos marcados pola pandemia.

Experimentación imprescindíbel?

"A evolución diranos se esa diminución da experimentación con animais se debe a que se fortalecen as alternativas de investigación ou está vinculado a unha diminución do traballo dos grupos", apuntou o profesor Anxo Vidal durante a presentación do balance de actividade na USC.

Nela lembrou que a premisa con que traballan estes centros é avanzar cara á "substitución completa" dos animais nos procedementos científicos, un obxectivo que foi declarado recentemente como "prioritario" por parte do Ministerio de Ciencia e Innovación.

O horizonte, como aclarou Vidal, é que os experimentos que na actualidade se fan sobre animais se poidan levar a cabo noutros seres como os invertebrados (que son moi empregados na ciencia pero non computan nas estatísticas ao non ser considerados animais pola súa ausencia de "sensibilidade").

"A sociedade non pode agora mesmo prescindir da experimentación con animais, o que hai que facer é garantir que se realice nas mellores condicións científicas e animais", remarcou o profesor

Oposición á experimentación animal

No Estado español hai diversas organizacións como Igualdad Animal ou partidos políticos como Pacma téñense mostrado contrarios á experiementación con animais xa que a consideran "unha tortura innecesaria en nome da ciencia" e defenden que, por causa de termos sistemas inmunitarios diferentes aos dos animais, trátase exeperimentacións inncesarias.