O coronavirus suma 9 vítimas máis no país e xa son 1.170

Unha ambulancia ao pé dunha residencia galega. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A cifra baixou con respecto aos últimos días, mais os pasamentos con vínculos nas residencias continúan acumulándose. Hoxe tamén faleceron sete persoas que non tiñan relación con estas infraestruturas.

A boa nova é que baixaron os falecementos con respecto a outras xornadas, pero o agardado é que pase un día na Galiza sen ter que lamentar ningún pasamento e iso aínda non se deu nas últimas semanas. Ao longo desta xornada finaron 9 doentes máis.

Este número eleva a estatística de vítimas da Covid-19 a 1.170 desde que comezou a pandemia e, de seguir o ritmo igual que até o de agora, non tardarán en superarse os 1.200 decesos.

A Consellaría de Sanidade explicou que dúas das mortes tiñan vínculos cos centros residenciais. No Hospital Lucus Augusti morreu unha muller de 94 anos de idade que fora trasladada desde a San Salvador de Guntín. En Vigo, tamén atendida polos equipos médicos, finou unha usuaria de 90 anos da CRAPD Vigo II.

Por contra, nas residencias notificouse unha leve baixada do número de casos activos.

Por outra banda, no Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU) informaron dun varón de 73 anos que non foi quen de superar as complicacións derivadas do virus. No hospital de Vigo tamén houbo outra vítima. Neste caso tratouse dun paciente de 86 anos.

Xa na área sanitaria da Coruña, máis en concreto no Complexo Hospitalario Universitario (CHUAC) sucedéronse os pasamentos de tres enfermos de 64, 77 e 87 anos.

Por último en Compostela coñeceuse o falecemento dun home de 87 anos e, na comarca de Ferroltera, unha muller de 88 anos apareceu morta na súa casa de Fene.