Coronavirus Galiza: soben a 61.635 os casos activos e baixa a presión nas UCI

Fileira para facer unha proba PCR en Vigo o pasado 23 de decembro (Foto: Marta Vázquez Rodríguez/Europa Press).
Máis de 4.000 novos contaxios e unha taxa de positividade de 29%.

Segundo o último informe da Consellaría de Sanidade, con datos consolidados ás 18 horas da quinta feira, os casos activos da Covid-19 soben a 61.635 (1.944 máis que na xornada anterior).

Por áreas sanitarias, a de Vigo segue á cabeza, con 13.559 infeccións activas (+283), seguida da Coruña-Cee, con 11.597 (+562); Compostela-O Barbanza, con 11.355 (+265); Pontevedra-O Salnés, con 7.494 (+140); Ourense-Verín-O Barco, con 7.454 (+290); Lugo-A Mariña-Monforte, con 6.182 (+211), e Ferrol, con 3.994 (+103).

Do total de pacientes de coronavirus, 51 están nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI), isto é, dous menos que un día antes, ao tempo que os internamentos en planta aumentan en 18, cun total de 343.

As 61.241 persoas doentes restantes fican nos seus domicilios baixo seguimento da Atención Primaria, que se obrigou o Sergas a suspender a actividade cotiá na área sanitaria de Vigo.

4.000 novos contaxios

 

Por outra parte, os novos contaxios da Covid-19 descenden lixeiramente a 4.016, (-853), tras os 4.965 da cuarta feira e os 3.815 da terza.

 

No que atinxe á taxa de positividade das probas PCR —número de infeccións detectadas cada cen test—, repunta a 29,1%, tras situarse en 24,1% esta cuarta feira. En consecuencia, fica moi por riba do limiar de 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade este pasado 5 de xaneiro, a incidencia acumulada a 14 días da Galiza sobe a 2.308 casos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 2.574 de media no conxunto do Estado.

Aliás, as persoas falecidas diagnosticadas coa Covid-19 desde o inicio desta pandemia no país ascenden a 2.805, após notificar Sanidade cinco novas vítimas rexistradas entre o día 4 e a xornada do 5.