Muda o protocolo Covid: A Xunta suprime os tests a contactos estreitos se non teñen síntomas e se están vacinados

Reinicio da campaña de vacinación das crianzas esta terza feira, 4 de xaneiro. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O novo documento marco reduce aínda máis a realización de PCR ou test de antíxenos por parte das autoridades sanitarias. Desde esta terza feira, 4 de xaneiro, o Sergas só fai probas ás persoas de risco e aos casos da Covid-19 graves, é dicir, aqueles que precisen de ingreso hospitalario.

O documento "Actualización na detección e manexo de casos de infección activa polo virus Sars-CoV-2 en Atención Primaria e na abordaxe dos contactos estreitos" foi modificado pola Consellaría de Sanidade o pasado día 30 de decembro e amosa cambios importantes no control do coronavirus na Galiza

A Xunta pasou dun papel activo pola "contención" da sexta onda do coronavirus a unha postura que aposta na "mitigación", polo que a nova liña de actuación vén de eliminar a realización de test, sexan PCR ou antíxenos, a persoas que sexan contacto estreito doutras que dean positivo.

Porén, será en dous casos concretos: non se lles farán exames sobre o seu estado de saúde cando non presenten síntomas do virus ou xa conten coa pauta de vacinación completa.

Na práctica, isto implica que o Goberno galego recorta o número de supostos nos que vai practicar as probas gratuítas á poboación. A excepción será nos "ámbitos de vulnerabilidade", entendendo como tales os centros sanitarios ou sociosanitarios.

En plena sexta onda -coa previsión de que os contaxios se poidan disparar após as festas de Nadal e o colapso instalado na Atención Primaria da área sanitaria de Vigo-, desde esta terza feira, 4 de xaneiro, só son sometidas a PCR aquelas doentes que teñan unha situación de risco específica ou en casos da Covid-19 graves.

Estes últimos, as persoas infectadas de gravidade do virus serán só aquelas que requiran de ingreso no hospital.

Continuidade das corentenas

Polo momento as corentenas seguirán vixentes coas últimas particularidades aprobadas a nivel do Estado español. É dicir, o illamento será de 7 días -e non 10- para as pacientes que dean positivo pero sexan asintomáticas ou teñan unha sintomatoloxía leve.

Os contactos estreitos de positivos deberán ter 7 días de corentena, así como outros 3 de vixilancia. Porén, haberá contactos estreitos que queden exentos de corentena e só teñan vixilancia durante 10 días. Estes serán "as persoas completamente vacinadas na data do último contacto co caso confirmado".

En consecuencia, si terán que estar illadas as persoas inmunodeprimidas e aquelas persoas que estiveran con infectadas das variantes Beta, Gamma ou cun visón afectado. Tamén se contemplan aquelas asintomáticas que xa estiveran enfermas e as traballadoras de centros sanitarios.

Aliás, os asintomáticos non terán ningún tipo de proba, como xa se sinalaba con anterioridade.

Test na casa

O documento aprobado polas autoridades sanitarias tamén incrementa o valor da proba autodiagnóstica do coronavirus, pois de saír o test de antíxenos positivo considerarase que calquera individuo está infectado, mentres que no caso dos negativos -que durante meses profesionais sanitarios levan advertindo de que pode ser falso- quedarán como "casos descartados" para a Xunta.