As crianzas menores de 12 poderán facer un test de antíxenos antes de volver ás aulas

Un centro de ensino antes de comezar o curso (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
Ofreceranse de balde nas oficinas de farmacia. O ensino retoma a súa actividade o 10 de xaneiro de forma presencial.

O Goberno estatal anunciou esta terza feira un acordo por "unanimidade" cos executivos territoriais para que a volta ás aulas tras as vacacións do Nadal decorra na data prevista, o 10 de xaneiro, e de forma totalmente presencial.

Así o confirmou a ministra de Sanidade, Carolina Darias, na rolda de prensa posterior á reunión conxunta mantida coas ministras de Educación, Pilar Alegría, e Universidades, Joan Subirats, na que se abordou a reanudación do curso escolar xunto aos seus homólogos autonómicos.

Darias subliñou a importancia desta xuntanza, cuxo obxectivo era "acordar entre todos unha decisión de Estado".

Durante as últimas semanas, tras o incremento de contaxios por mor da variante Ómicron, atisbouse a posibilidade de que o retorno ás aulas se retrasase e a actividade docente principiase de forma telemática ou na modalidade semipresencial, algo que finalmente non se producirá.

Segundo precisou a ministra de Sanidade, garantirase a ventilación cruzada dos espazos fechados, o uso de máscaras, a apertura de todos os centros educativos e a máxima presencialidade a partir do 10 de xaneiro.

Tamén se reforzarán a vacinación infantil e o cumprimento de todos os protocolos nos centros universitarios e residencias de estudantes.

Tests de antíxenos para a rapazada

Nas declaracións aos medios, que foron recollidas da Radio Galega, o conselleiro apuntaba que as crianzas menores de 12 deberían someterse aos test antes da volta ao cole pero que na tarde da terza feira o gabinete de comunicación puxo de manifesto que facer a proba non é obrigatorio para poder regresar ás aulas, senón que se limita a unha posibilidade que se fornece ás familias.

As probas para a rapazada de 5 a 11 anos estarán dispoñibeis de balde nas farmacias.

Aliás, os contactos estreitos dun positivo que aínda non teñan a pauta completa da vacina deberán gardar corentena.

Tamén afirmou que nas vindeiras datas acelerarase a vacinación das mozas e mozos máis cativos e a administración da dose de reforzo ao persoal docente.