As crianzas de sete a nove anos: vacinadas antes de Reis

Crianzas coas súas familias nas colas de vacinación, hai uns días en Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Entre a terza e a cuarta feira serán chamadas para o tratamento fronte á Covid-19 máis de 36.000 familias da Galiza. Perto do 50% dos menores nesta franxa de idade dependen das áreas sanitarias de Vigo e A Coruña-Cee.

A chegada a Galiza dunha nova partida de vacinas fronte ao coronavirus ao país servirá para que a picada se adiante á chegada dos reis magos para máis de 36.000 crianzas. En concreto, de cara a estas terza e cuarta feira están a ser contactadas 36.271 familias.

A Xunta vén de explicar que esta fase da campaña de vacinación a principios de xaneiro vai estar centrada nas nenas e nenos que pertencen á franxa de idade dos sete aos nove anos.

A inoculación pediátrica continuará nos vacinódromos, onde xa se comezara con este tratamento. E nos próximos días seguirán as chamadas de cara ás novas previsións de recibir máis doses do fármaco, que distribúe o Ministerio de Sanidade.

Onde están as crianzas de sete a nove anos da Galiza?

Polo de agora, gran parte do traballo previo ao 6 de xaneiro vaise centrar nas áreas sanitarias de Vigo e A Coruña.

Segundo os datos facilitados pola Consellaría de Sanidade, das 36.271 persoas que van ser vacinadas fronte á Covid-19 -ou polo menos é o agardado polas autoridades- case o 45% residen en ambas demarcacións.

A zona de Vigo é a de maior volume, pois os equipos sanitarios atenderán 8.280 pequenas, mentres que na Coruña e Cee o número é de 7.920.

En cifras, o terceiro posto en volume de traballo será para Compostela-Barbanza, onde se estima que acudirán a vacinarse 6.120 crianzas.

Na área de Pontevedra e O Salnés, o dato facilitado pola Xunta indica que serán tratados 4.320 cidadáns, mentres que da demarcación de Lugo-A Mariña-Monforte dependen 3.960.

Por último, en Ourense-Verín-O Barco están 3.512 persoas desta nova poboación diana, mentres que na comarca de Ferrol xestionan 2.159 expedientes.