O TSXG avala a ampliación da exixencia do Pasaporte Covid

Un peregrino amosa o seu certificado Covid no móbil, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Salomé Montes / Europa Press)
A Xustiza tamén dá o seu visto e prace a ampliar o período de tempo no que quedarán prohibidas as xuntanzas de persoas que non convivan entre as 3 e as 6 da madrugada nas quintas feiras, sextas e sábados.

O recurso contra a demanda do Certificado Covid para acceder a locais de hostalaría -entre outros espazos- na Galiza parece non ter afectado á Xustiza, que esta sexta feira, 14 de xaneiro, autorizou á Xunta a ampliar o período no que será preciso ese pasaporte e seguirán vixentes outras medidas estabelecidas no nadal para controlar a expansión do coronavirus.

Após contar cun informe da Policía Autonómica, achegado polo Goberno galego, que recolle que a restrición de encontros nocturnos "facilitou" as inspeccións, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) avala que as limitacións que ían estar en vigor até o próximo 18 de xaneiro se manteñan, agora, polo menos até o día 29 deste mes.

Así, fontes do Superior trasladaron que vaise seguir exixindo o pasaporte Covid nos negocios hostaleiros e outros espazos como albergues e hospitais ao longo de todo o mes, e en todos os horarios. Será posíbel, igualmente, achegar un documento que confirme unha proba diagnóstica negativa ou un de recuperación da enfermidade.

Tamén van quedar prohibidos os encontros de persoas que non convivan, entre as 3 e as 6 da madrugada.

No entanto, esta última prohibición pasa a ter validez só nas quintas feiras, sextas e sábados, como se anunciou esta semana tras unha reunión das autoridades sanitarias co subcomité clínico que asesora á Xunta sobre a evolución da pandemia.

Os maxistrados poñen de manifesto na súa resolución que as medidas teñen como propósito "defender a saúde pública, malograda pola pandemia", así como conter a expansión do virus.

Despois de ter a oportunidade de estudar os dous informes fornecidos pola Xunta, "certamente mellor fundados que os que se analizaron no auto do 30 de decembro", recoñecen que é "evidente" a necesidade de persistir nas medidas que se orientan a reducir a interacción social".

O TSXG fala, ademais, dos datos de contaxios e defuncións que, considera, veñen dados polas "medidas adoptadas, entre as cales é relevante a efectividade da vacina".