Coronavirus Galiza: os casos activos volven subir até os 12.124

A máscara segue a ser obrigatoria nos espazos fechados. (Foto: Europa Press)
A presión hospitalaria sobe en todas as áreas sanitarias agás na de Compostela-O Barbanza, a única que ten menos pacientes que na xornada anterior.

Segundo os datos actualizados esta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da terza, continúan 15 persoas hospitalizadas en UCI pola Covid-19 na Galiza e increméntanse a 591 as ingresadas en unidades convencionais (+23).

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en seis das sete e unicamente alíviase na de Compostela-O Barbanza, con tres pacientes en UCI (-2) e 84 en unidades convencionais (-1). Pola contra, na área da Coruña-Cee aumentan a seis os pacientes en críticos pola Covid-19 (+1) e mantén 133 ingresados noutras unidades, mentres que en Ourense-Verín-O Barco contan con 85 hospitalizados en planta (+5) e segue con un en críticos (sen cambios).

Na de Pontevedra-O Salnés fica un paciente Covid en UCI e aumentan a 82 os ingresados noutras unidades (+2), mentres que na de Vigo soben a tres os críticos e hai 92 noutras unidades (sen cambios). Na área de Ferrol hai un ingresado pola Covid en UCI (-1) e aumentan a 56 os hospitalizados noutras unidades (+5), mentres que a de Lugo-A Mariña-Monforte segue como a única do país sen críticos e rexistra 49 noutras unidades (sen cambios).

Aumentan os casos activos

Após o descenso dos casos activos da xornada anterior, volven aumentar segundo avanza a Semana Santa ao situarse en 12.124, que supoñen 452 máis, ao haber máis contaxios (1.457) que altas (1.003), ao que se suman dous falecementos.

Con máis infeccións activas continúa a área da Coruña, con 2.190; seguida de Vigo, con 2.286; Compostela, con 1.843; Lugo, con 1.789; Ourense, con 1.536; Pontevedra, con 1.297, e Ferrol, con 1.072.

Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade esta pasada terza feira, 12 de abril, adaptado ao novo sistema de vixilancia da Covid-19 centrado en poboación vulnerábel, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza en maiores de 60 anos sitúase en 837,79 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media estatal cae a 435,42.

Máis contaxios

Os novos contaxios ascenden a 1.457, que supoñen 251 máis que na xornada anterior e após os 698 cos que arrincou esta semana, entre os que xa non se contabilizan os autotest positivos polo novo protocolo estatal de control e vixilancia deste coronavirus e non se fan probas de diagnose á poboación en xeral.

Deste modo, os contaxios ascenden na Galiza a 562.518, dos cales 129.986 corresponden á área de Vigo; 117.081 á da Coruña; 88.820, á de Compostela; 67.534 á de Ourense; 64.546, á de Pontevedra; 60.250 á de Lugo, e 33.473, á de Ferrol.

Persoas falecidas e curadas

As vítimas da pandemia pola Covid-19 no país aumentan a 3.264, despois de notificar Sanidade esta terza feira outros dous falecementos, todos de persoas con patoloxías previas. En concreto, o 11 de abril faleceron un home de 80 anos, na área sanitaria de Vigo, e outro de 94 anos na área sanitaria de Compostela. Mentres, 547.187 persoas curáronse da Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria, logo de recibiren a alta outras 1.032 na última xornada na Galiza.