Segundo os datos actualizados esta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da terza, continúan 15 persoas hospitalizadas en UCI pola Covid-19 na Galiza e increméntanse a 591 as ingresadas en unidades convencionais (+23).
Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en seis das sete e unicamente alíviase na de Compostela-O Barbanza, con tres pacientes en UCI (-2) e 84 en unidades convencionais (-1). Pola contra, na área da Coruña-Cee aumentan a seis os pacientes en críticos pola Covid-19 (+1) e mantén 133 ingresados noutras unidades, mentres que en Ourense-Verín-O Barco contan con 85 hospitalizados en planta (+5) e segue con un en críticos (sen cambios).
Na de Pontevedra-O Salnés fica un paciente Covid en UCI e aumentan a 82 os ingresados noutras unidades (+2), mentres que na de Vigo soben a tres os críticos e hai 92 noutras unidades (sen cambios). Na área de Ferrol hai un ingresado pola Covid en UCI (-1) e aumentan a 56 os hospitalizados noutras unidades (+5), mentres que a de Lugo-A Mariña-Monforte segue como a única do país sen críticos e rexistra 49 noutras unidades (sen cambios).
Aumentan os casos activos
Após o descenso dos casos activos da xornada anterior, volven aumentar segundo avanza a Semana Santa ao situarse en 12.124, que supoñen 452 máis, ao haber máis contaxios (1.457) que altas (1.003), ao que se suman dous falecementos.
Con máis infeccións activas continúa a área da Coruña, con 2.190; seguida de Vigo, con 2.286; Compostela, con 1.843; Lugo, con 1.789; Ourense, con 1.536; Pontevedra, con 1.297, e Ferrol, con 1.072.
Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade esta pasada terza feira, 12 de abril, adaptado ao novo sistema de vixilancia da Covid-19 centrado en poboación vulnerábel, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza en maiores de 60 anos sitúase en 837,79 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media estatal cae a 435,42.
Máis contaxios
Os novos contaxios ascenden a 1.457, que supoñen 251 máis que na xornada anterior e após os 698 cos que arrincou esta semana, entre os que xa non se contabilizan os autotest positivos polo novo protocolo estatal de control e vixilancia deste coronavirus e non se fan probas de diagnose á poboación en xeral.
Deste modo, os contaxios ascenden na Galiza a 562.518, dos cales 129.986 corresponden á área de Vigo; 117.081 á da Coruña; 88.820, á de Compostela; 67.534 á de Ourense; 64.546, á de Pontevedra; 60.250 á de Lugo, e 33.473, á de Ferrol.
Persoas falecidas e curadas
As vítimas da pandemia pola Covid-19 no país aumentan a 3.264, despois de notificar Sanidade esta terza feira outros dous falecementos, todos de persoas con patoloxías previas. En concreto, o 11 de abril faleceron un home de 80 anos, na área sanitaria de Vigo, e outro de 94 anos na área sanitaria de Compostela. Mentres, 547.187 persoas curáronse da Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria, logo de recibiren a alta outras 1.032 na última xornada na Galiza.