A prohibición dos encontros de non conviventes entre as 3 e as 6 horas limitarase a quintas feiras, sextas e sábados

Grupos de xente nunha rúa galega durante o pasado nadal. (Foto: Europa Press
O subcomité clínico considera oportuno prolongar as medidas estipuladas desde o nadal até o 18 de xaneiro por dúas semanas máis. Trátase dos encontros entre as 3 e as 6 da madrugada.

As persoas que compoñen o subcomité clínico que asesora á Xunta sobre a evolución da pandemia así como representantes do Goberno galego acordaron ampliar por dúas semanas máis as restricións aprobadas para reducir os contaxios de coronavirus durante os encontros de nadal. Porén, haberá algunhas adaptacións.

Segundo vén de comunicar a Consellaría de Sanidade na tarde desta cuarta feira, 12 de xaneiro, acordouse que as reunións de non convivintes nas rúas -que ían estar vixentes de forma diaria até o día 18- quedarán impostas tan só as quintas e sextas feiras e os sábados.

Trátase, en todo caso, dos encontros que tiñan un horario concreto. É dicir, aquelas que prohibían as xuntanzas entre as 3 e as 6 da madrugada quer en espazos públicos, quer nos privados.

O tempo será o mesmo, mais en breve a medida adaptarase máis ao tempo de lecer nas fins de semana.

Por outra parte, as persoas expertas optaron por prolongar dúas semanas máis estas e outras prohibicións, co obxectivo de que pasen os peores momentos da sexta onda do coronavirus.

Vacinación

Transcendeu tamén que o subcomité está preocupado pola incerteza que implica pasar de 6 a 3 meses o período de tempo que debe pasar entre a segunda picada da vacina fronte ao virus e a inoculación da dose de reforzo, coa que xa se está a tratar a boa parte da poboación galega.

Aproveitando o encontro de traballo, a Dirección Xeral de Saúde Pública explicou ás persoas asesoras que vai elaborar un protocolo para reducir o risco de contaxios durante o Entroido, outras datas nas que adoitan producirse aglomeracións.