A selectividade segue en pé na Mariña a pesar do feche da comarca

Estudantes realizando os exames de acceso á universidade (Foto: EP).
"En Viveiro a instalación é boa, hai distancia de seguridade e todas as medidas que se pediron". En calquera caso, o conselleiro de Sanidade indicou que pediu á alcaldesa de Viveiro que se impidan celebracións "multitudinarias" ao acabar os exames porque "aí está o risco".

As probas de selectividade previstas na Mariña continúan en pé pese ao peche que afectará no próximos cinco días aos 14 concellos do seu distrito sanitario, debido a que "se respectarán as medidas de seguridade necesarias", explicou o conselleiro de  Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña

Na rolda de prensa na que deu a coñecer as restricións, Almuiña explicou que os exames se fan en Viveiro e que existe un protocolo previo elaborado pola  Universidade de Santiago de Compostela (USC) que foi valorado pola Dirección  Xeral de  Saúde Pública e que se vai a "reforzar".

"Non haberá problema e vanse realizar", manifestou sobre as probas, que a crise sanitaria obrigou este ano a atrasar e que se celebrará entre o 7 e o 9 de xullo no caso da Comunidade galega.

"En Viveiro -engadiu- a instalación é boa, hai distancia de seguridade e todas as medidas que se pediron". En calquera caso, o conselleiro indicou que pediu á alcaldesa de Viveiro que se impidan celebracións "multitudinarias" ao acabar os exames porque "aí está o risco". "Hai que procurar que as celebracións sexan en grupos reducidos", indicou.