Coronavirus Galiza: case 6.000 novos contaxios e máis de 71.500 activos, mais a presión nas UCI segue a minguar

Persoal de enfermaría inocula a vacina fronte ao coronavirus na Galiza, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).
Os casos activos da Covid-19 seguen en aumento e alcanzan unha nova marca ao superar a barreira dos 71.500 por primeira vez desde o inicio da pandemia, tras contabilizarse 5.927 novos contaxios. Porén, hai cinco persoas menos nas UCI.

Segundo os datos actualizados na mañá desta terza feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da segunda feira, descenden a 48 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 na Galiza (-5), mais aumentan a 462 as hospitalizadas noutras unidades (+13), mentres que 70.994 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio a través da Atención Primaria.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en tres lixeiramente: A Coruña-Cee, Ourense-Verín-O Barco e Compostela-O Barbanza; mentres que aumenta nas outras catro: Vigo, Lugo-A Mariña-Monforte, Ferrol e Pontevedra-O Salnés. En concreto, na de Ourense descenden a seis os pacientes Covid en UCI (-1) e a 69 os ingresados noutras unidades (-3); mentres que na da Coruña seguen 13 en críticos (sen cambios) e baixan a 88 os hospitalizados noutras unidades (-3).

Pola súa parte, na de Compostela caen a cinco os pacientes Covid en UCI (-2) e a 71 os ingresados noutras unidades (-1); mentres que na de Vigo, aínda que descenden a 11 o críticos (-1), aumentan a 96 os hospitalizados noutras unidades (+4).

Na área de Lugo baixan a catro os ingresados pola Covid en UCI (-1), pero aumentan a 48 os que se atopan noutras unidades (+6). E nas de Pontevedra e Ferrol non hai cambios nos pacientes das unidades de críticos, con sete e dous, respectivamente; mentres que aumentan a 61 (+6) e a 29 (+4) os ingresados noutras unidades por este coronavirus.

Máis de 71.500 casos activos

Os casos activos da Covid-19 manteñen a tendencia ascendente e exceden a barreira dos 71.000 por vez primeira na pandemia no marco desta sexta vaga, ao situarse en 71.504, que constitúen 3.780 máis que a xornada anterior, o que supón un aumento maior que o día previo, ao haber de novo máis contaxios (5.927) que altas (2.138), ao que se engaden varios falecementos.

Deste xeito, con máis casos activos continúa a área sanitaria de Vigo, con 16.139 (+940); seguida da da Coruña, con 13.623 (+764); Compostela, con 12.615 (+605); Ourense, con 9.175 (+589); Pontevedra e O Salnés, con 8.190 (+261); Lugo, con 7.294 (+419); e á cola mantense a de Ferrol, con 4.468 (+202).

Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidad esta pasada segunda feira, a incidencia acumulada a 14 días da Galiza sitúase en 2.926 casos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 2.989 de media no Estado español.

Case 6.000 novos contaxios

Os novos contaxios de Covid-19 repuntan aos 5.927, tras comezar esta semana con 4.966, polo que se volve a superar a barreira dos 5.000 —como sucedera o pasado domingo 9 de xaneiro—. A Galiza acumula desde o inicio desta pandemia 294.509 contaxios por coronavirus, dos que 65.874 corresponden á área de Vigo; 62.913, á da Coruña; 44.420, á de Compostela; 37.693, á de Ourense; 35.107, á de Pontevedra; 30.442, á de Lugo, e 18.060, á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade en PCR —número de infeccións detectadas cada 100 test—, redúcese a 16,6% despois de comezar esta semana con 22,6%. Con todo, fica por riba do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Falecidos e curados

As persoas falecidas diagnosticadas coa Covid-19 desde o inicio desta pandemia no país ascenden a 2.827, ao notificar Sanidade esta segunda feira dez vítimas máis.

En concreto, Sanidade notificou dez falecidos máis durante a fin de semana, que se suman a outras dúas mortes que foron comunicadas na xornada do domingo —aínda que correspondentes ás últimas horas—. Todas eran maiores de 75 anos e tiñan patoloxías previas. Cinco dos decesos corresponden ao sábado 8 de xaneiro e cinco ao domingo.

Mentres, 220.224 persoas diagnosticadas de coronavirus curáronse en toda a Galiza desde o comezo desta crise sanitaria, que supoñen 2.138 máis que as rexistradas até o día pasado.