Álvaro Mena: "As persoas non vacinadas e non expostas teñen unha situación de moito risco, como abril de 2020"

Álvaro Mena no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. (Foto: Nós Diario)
Coa Galiza superando por primeira vez os 50.000 casos activos de Covid-19 desde o comezo da pandemia hai pouco menos de dous anos, desde Nós Diario falamos con Álvaro Mena, médico internista na Unidade de Enfermidades Infecciosas do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Que diagnóstico fai da situación da pandemia na Galiza?

Imos seguir aumentando o número de casos activos e xa superamos os 50.000, é certo que semella que pode haber un pequeno aplanamento, malia que hai que collelo con cautela ao ser datas complicadas, pero parece que hai unha lixeira diminución no número de novos casos.

No que atinxe aos casos activos, é probábel que coa modificación da corentena tamén se modifique o número de casos activos, e a parte positiva é que aínda que hai bastantes positivos e hospitalizados non ten nada que ver con outras ondas. Hai moita enfermidade na rúa, moita máis da que houbo noutros momentos, mais os hospitais están nunha mellor situación que na terceira onda, por exemplo.

Repetiuse en Europa que esta onda era unha epidemia dos non vacinados, isto reflíctese nas hospitalizacións do Chuac?

Nesta onda contaxiouse, e estase a contaxiar, moita xente, obviamente a meirande parte persoas vacinadas, porque boa parte da poboación xa ten a picada, pero o impacto de non vacinados nas hospitalizacións é alto, por mor de que aínda que o número de non vacinados non é moi significativo, chega para que vexamos no hospital bastante enfermidade neste grupo. A probabilidade de que estas persoas teñan unha exposición de risco é moi alta, ao haber moita enfermidade na rúa, e claro, elas non teñen ningún tipo de protección, máis aínda se non tiveron coronavirus previamente.

O non vacinado e non exposto ten agora unha situación de moito risco, e contaxiarse a día de hoxe é o mesmo que en marzo ou abril de 2020, para estas persoas non cambia nada.

Que implica para a evolución da pandemia a aparición de Ómicron ou de casos combinados?

As infeccións combinadas xa se viran o ano anterior, é certo que moitas menos co gallo de que o uso da máscara foi moi superior, e por iso houbo moita menos gripe e infeccións por coronavirus. En xeral para a meirande parte da poboación isto non vai ter ningunha repercusión. Si que o vai ter para o sistema, ao complicarnos un pouco os modelos de illamento.

Temos que ver se a Covid camiña cara a unha enfermidade máis endémica, con ou sen estacionalidade, porque a gripe ten un modelo moi estacionario e o coronavirus poderá ou non telo no futuro. Até o de agora semella que non, e parece que os gromos teñen máis que ver co impacto social e non respectaron demasiado os cambios das estacións. Cando máis contactos tivemos, no verán e nas festas, máis gromos tivemos e máis casos, mais semella que podemos chegar a un equilibrio entre medidas e vacinación para mellorar os modelos de convivencia e a situación destes anos.  

No camiño a unha doenza máis endémica, como debería abordalo o sistema sanitario?

Nós temos un modelo pensado para que non haxa casos de coronavirus circulando, e o que intentamos é detectalos pronto, cribar a esa persoa e a todas coas que tivo contacto, illalas e incluso facer corentenas a contactos aínda sendo negativos, ese é o percurso histórico do proceso. E todo isto non funciona cando tes 50.000 casos activos, porque é completamente imposíbel facer ese labor, que amais interfire moito co labor habitual dos sanitarios.

Xa antes da Covid, os sanitarios tíñamos moito traballo, é temos que seguir a facelo, e todo isto interrompe. Non podemos ter un modelo no que as medidas sanitarias sexan moito máis fortes que as medidas que funcionan como o illamento ou a máscara, porque entón imos ter unha gran sobrecarga do sistema e enriba non imos conseguir o obxectivo como acontece agora.

A pesar do grande esforzo que se fixo en decembro e estes días de xaneiro non somos capaces de baixar a porcentaxe de positivos, non somos capaces de baixar nada. O efecto dos sanitarios non está sendo moi alto para previr con todo o gasto que supón, está sendo moi útil para manexar e tratar os casos que o requiren. Ningún modelo aguantaría.

Non podemos intentar seleccionar e illar cun procedemento creado para doenzas con incidencias moi baixas se, como agora, hai tantos casos, nos próximos días e semanas este modelo ten que cambiar, e o ideal sería que se fixese coordinadamente ao final desta fase aguda da sexta onda.

Que recomendación daría á cidadanía?

O máis importante é que as medidas de illamento sexan precoces, calquera persoa que teña un arrefriado ou un proceso respiratorio debe facer o que hai que facer nestas situacións. A parte positiva do coronavirus que imos aprender é que nos procesos gripais e catarrais quizais debemos usar máis as máscaras, algo que aquí non existía antes da pandemia pero que facían os países orientais; eles culturalmente teñen aprendido que nun proceso respiratorio teñen que pór a máscara para non contaxiar os demais. E iso é algo que temos que facer con independencia de que nos cribemos, teñamos gripe, Covid ou o que for, nos vindeiros anos sería razoábel que toda persoa que estea traballando ou en espazos interiores, se ten un proceso respiratorio, poña máscara.

Isto falando dun intre no que a máscara non sexa obrigatoria. Agora o que hai que facer e reducir os impactos sociais estes días, e se nalgún intre hai síntomas de algo é importante ser especialmente coidadosos.

A vacinación, chave para controlar a variante Ómicron

Coa chegada da variante Ómicron, cunha gran capacidade de contaxio, arribou o debate sobre a menor letalidade desta nova infección. Porén, Mena fai un chamamento a manter a alerta e apunta a vacinación como o factor chave para a diminución do impacto desta variante. “Nos datos internacionais que temos de países con menos vacinación o que vemos son advertencias, pero é certo que nunha poboación ben vacinada como a nosa o impacto está a ser menor, mais con isto non quero dicir que non haxa ninguén que non desenvolva de maneira máis forte a enfermidade”.

En todo caso, reclama que se “saímos con números semellantes aos que temos será o intre de analizar se facer un cambio nos 
modelos de seguimento e camiñar cara a un modelo non tan epidémico".