A variante ómicrom do coronavirus afecta xa ao 21% das persoas contaxiadas na Galiza

As autoridades sanitarias indican que a cepa delta do virus continúa a predominar no país e que, a pesar do crecemento da ómicrom, o país é o terceiro territorio do Estado español cunha menor porcentaxe desta.
Unha sanitaria nunha UCI das Balears. (Foto: Clara Margais / DPA) #uci #coronavirus
photo_camera Unha sanitaria nunha UCI das Balears. (Foto: Clara Margais / DPA)

A variante ómicron do coronavirus -a que se reproduce con maior rapidez e ten un gran poder de contaxio segundo as persoas expertas- representa a estas alturas o 21% dos casos activos na Galiza. No entanto, os informes aínda apuntan á delta como a cepa dominante.

Malia que a ómicron chegou con forza ao país, a última "Actualización da situación epidemiolóxica das variantes de SARS-Cov-2 en España" -da que se ocupa o Ministerio de Sanidade- indica que a Galiza é o terceiro territorio do estado cunha menor porcentaxe de presenza desta variante entre os casos positivos.

Por contra, os casos desta nova variante en Madrid e Canarias supuxeron xa o 55,4 e 54,8% dos contaxios na semana do 13 ao 19 de decembro, respectivamente.

O informe tamén revela que ómicron representaba o 20,5% das mostras analizadas polo departamento que dirixe Carolina Darias, polo que a media galega sería lixeiramente superior.

En concreto, supón o 35,21% dos casos activos en Euskadi, o 34% en Castela-A Mancha, o 28,8% en Estremadura, o 28,4% en Nafarroa, o 21% na Galiza e o 20% en Catalunya, por exemplo.

En Andalucía, só un 3,1% das persoas infectadas neste momento dan positivo para a última cepa da que se ten coñecemento de forma oficial.

"En España pasouse moi rapidamente de detectar os primeiros casos asociados a viaxeiros procedentes do sur de África a detectar casos ligados a transmisión comunitaria e a constatar un rápido crecemento nos sistemas de vixilancia baseados en secuenciación e PCR específica de mostras aleatorias", informan fontes do ministerio.

En calquera caso, as mesmas consideran que polo momento "os datos son moi escasos para determinar o verdadeiro impacto da variante   nas características epidemiolóxicas da infección pero os estudos preliminares apuntan a unha maior transmisibilidade e un maior escape inmune".

Comentarios