A Coordinadora Bergantiñá e SOS Suído mobilízanse contra os eólicos

Encontro organizado por SOS Suído Seixo en Cerdedo-Cotobade (Foto: Nós Diario).
Veciñanza das comarcas afectadas instan a "racionalizar o consumo enerxético" fronte á "lóxica do mercado" que, asegura, rexe na planificación eólica da Galiza.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica está a tramitar catro novos parques eólicos na comarca de Bergantiños (Orzar, Tornado —promovidos por Greenalia—, Berdoias e Pedrabante —Iberdrola—) que sumarían 59 aeroxeradores e unha potencia enerxética total de 289,7 megawatts (MW). Contra este "macroproxecto eólico" mobilizouse este sábado a Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra, que organizou unha recollida de sinaturas na praza do Concello de Carballo, un dos doce municipios afectados.

"Demandamos aos Gobernos locais unha maior implicación, porque polo de agora a resposta foi nula e limítanse a dicir que a eólica é unha enerxía renovábel e limpa e que nós somos as do 'non a todo'. A veciñanza da comarca está a sufrir unha forte presión para que se leven a cabo estes proxectos", sostén, en conversa con Nós Diario, Lola Rontano, portavoz da plataforma.

As poligonais "sobredimensionadas" destes parques afectarían paraxes naturais como Os Penedos de Traba e Pasarela e fragmentarían o territorio, o que dificultaría a percepción das axudas económicas da Política Agrícola Común (PAC) para unha industria forestal e agrogandeira fortemente asentada na comarca. "As renovábeis non sempre son ecoloxicamente aceptábeis, depende de como e onde se constrúan. Galiza vai camiño de se converter nun territorio de sacrificio, xa que aquí rexe a lóxica do mercado", lamenta.

Neste senso, Rontano insta as Administracións a "incidir na necesidade de racionalizar o consumo enerxético", no canto de seguir a aumentar a potencia eléctrica a fin de que as empresas "maximicen os seus beneficios".

Aliás, fai fincapé en que estes catro parques conforman, na práctica, un único "macrocomplexo" cuxos "efectos acumulativos" aínda se descoñecen. A veciñanza presentou até o momento perto de 280 alegacións en contra destes catro parques eólicos.

Contra a "invasión eólica" e a minaría de litio

A praia fluvial de Cerdedo acolleu o pasado sábado o quinto encontro sobre os impactos da minaría da Rede ContraMINAcción, nunha xornada organizada pola plataforma SOS Suído Seixo na que se analizaron tanto as problemáticas da extracción de litio (a través do proxecto Alberta I) como as afeccións derivadas dos 16 parques eólicos que se atopan en trámites na Terra de Montes.

"Foi un encontro para partillar coñecementos e experiencias con xente moi diversa, procedente de diferentes partes do país e até de Portugal. O obxectivo destas xornadas é achegar á veciñanza a maior información posíbel, sen prexuízos, e que logo cadaquén poida decidir libremente se está a favor ou en contra", explica a este xornal a portavoz do colectivo Alba Rivas.

A "opacidade" na tramitación dos proxectos eólicos e mineiros, asegura, é a principal traba que atopan as e os cidadáns da contorna: "Chéganos pouca información e é moi confusa. Tentamos tecer unha rede por todo o país para pór en común as nosas experiencias e protexer xuntas o territorio", di.