Convocan concentracións de repulsa contra a violencia machista

O movemento feminista responde con mobilizacións perante o que podería ser máis un crime machista, en Arbo. O xulgado de instrución ordenou prisión sen fianza para o presunto asasino

 

Mentres a investigación continúa aberta e focada no ex-compañeiro de Beatriz Rodríguez, A.D., o feminismo galego convocou para esta segunda feira (6 de xullo) senllas concentracións na Coruña, Compostela, Vigo, Ourense e Ferrol. Será ás 20h e visan amosar, máis unha vez, o rexeitamento social á violencia machista. 

"Non xustifiques, non silencies a violencia machista", é o lema elixido para a convocatoria que axiña se moveu através das redes sociais. 

Polo de agora o xulgado nº3 de Ponteareas, que instrúe o caso, mantén detido a A.D., como sospeitoso do asasinato de Beatriz Rodríguez e Sergio Rodríguez. Os corpos destas dúas persoas foron atopados no interior dun vehículo no serán do sábado en Arbo. Á espera dos resultados científicos das pesquisas desenvolvidas pola Garda Civil as autoridades apuntan a un novo crime por razón de xénero. Neste senso, após prestar declaración xudicial durante 3 horas o xulgado nº3 de Ponteareas ordenou o ingreso en prisión sen fianza do presunto asasino mentres continúan as investigacións.

Beatriz e Sergio foron soterrados o domingo. 

Lugares das concentracións (20h):

  • Compostela. Porta do Camiño.
  • Coruña. Obelisco. 
  • Ferrol. Praza do Concello. 
  • Ourense. Perante a estatua da castañeira, perante a Subdelegación do goberno español. 
  • Vigo. No MARCO.