Investigan un posíbel feminicidio en Arbo

Beatriz Rodríguez Mariño foi asasinada xunto con Sergio Rodríguez. A Garda Civil detivo o ex-compañeiro dela e pescuda se se tratar dun novo crime machista. 

 

Esta sexta feira, por volta das 21:00h, foron achados os corpos de Beatriz Rodríguez Mariño e Sergio Rodríguez na localidade pontevedresa de Arbo. Os corpos, localizados no interior dun vehículo, evidenciaban un asasinato. 

As pesquisas da Garda Civil centráronse arredor do ex-compañeiro de Beatriz, A.D., quen foi detido na mañá do sábado. Segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, o detido non pasará a disposición xudicial até o luns mentres continúan abertas as investigacións. As pescudas xiran arredor dun posíbel caso de violencia machista, porén, o xulgado de garda de Ponteareas (nº3), que está a instruír o caso, decretou o segredo sumarial. 

De se confirmar o feminicidio, trataríase do segundo na Galiza, segundo cifras oficiais, no que vai de ano após o asasinato de Isabel Fuentes o 8 de maio no Hospital de Ourense (CHUOU).