Convocan unha concentración en Padrón contra a tourada do vindeiro 17 de abril

Imaxe de arquivo dunha protesta contra as touradas. (Foto: Nós Diario)
Esta promovida polos colectivos 'Abeiro' e 'Vacaloura', e conta co apoio de Adega e AGA.

As asociacións 'Abeiro' e 'Vacaloura' veñen de convocar unha concentración para o vindeiro 17 de abril en Padrón, co obxectivo de protestar contra a tourada que terá lugar no concello ese mesmo día.

Segundo explica 'Abeiro', á concentración, que terá lugar no Campo da Barca ás 16.30 horas, tamén se sumaron a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) e Activistas Galegas Antiespecistas (AGA).

A concentración súmase á campaña de recollida de sinaturas impulsada pola plataforma 'Galicia, Mellor sen Touradas', que xa suma máis de 74.000 apoios.

Nos últimos anos, esta plataforma logrou paralizar actos taurinos no Páramo e Sanxenxo, ademais dunha sanción da Xunta contra o Concello de Valga polo acceso de menores a unha capea en 2019.

Actividades "lesivas"

Entre os argumentos que expón 'Galicia, Mellor sen Touradas' para paralizar o evento, destacou que "99,7% da cidadanía galega" non acode a eventos taurinos como touradas ou capeas, segundo "enquisas oficiais do Ministerio de Cultura", mentres censuran que a Xunta "avala estes actos crueis no seu marco normativo".

Así, os abolicionistas responsabilizaron tamén o Goberno galego, ademais do Concello de Padrón, por autorizar, en última instancia, a realización destas actividades que consideran "lesivas" para os animais, xa que aseguraron que os xatos serán "sacrificados posteriormente fóra da praza portátil".

 

'Galicia, Mellor Sen Touradas' mostrou tamén o seu desexo de que os grupos da oposición municipal de Padrón se mobilicen para cuestionar un evento do que "non se coñece o orzamento investido polo Concello" e que "se xustifica en base a argumentos bochornosos que tratan de vincular sufrimento animal con sangue, cando a ciencia demostrou sobradamente a crueldade dos mesmos".