Controladoras aéreas alertan da "maior privatización da década"

O servizo de control aéreo do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro será externalizado. (Foto: José R Pizarro)
Sindicatos acusan o Ministerio de 'regalar' un servizo público. A controladora aérea e integrante da Unión Sindical de Controladores Aéreos (USCA) Susana Romero explica a Nós Diario as claves desta nova privatización no sector do control aéreo.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) iniciou onte o proceso de participación pública no proxecto que permitirá ao xestor aeroportuario Aena avanzar na privatización da xestión de sete torres de control aéreo do Estado español, entre elas a do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro. 

En concreto, o Mitma publicou o proxecto na súa páxina web e habilitou un prazo de 2o días hábiles para que a cidadanía, organizacións e demais axentes sociais presenten alegacións e comentarios ao texto co que se busca continuar o proceso de externalización do servizo de control aéreo iniciado en 2010.

A medida, reclamada pola Asociación de Liñas Aéreas (ALA) e pola Asociación de Transporte Aéreo Internacional (IATA) en diversas ocasións, e recomendada pola Comisión Europea e a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, está a ser fortemente cuestionada polos sindicatos de traballadores e traballadoras das torres de control aéreo

Coa privatización dos servizos de control aéreos o Mitma pretende "mellorar a competitividade dos aeroportos, mantendo uns niveis óptimos de calidade e seguridade e, en última instancia, beneficiar os usuarios do transporte aéreo".  O Ministerio afirma que a externalización dos servizos de control aéreo suporá unha redución de custos para as liñas aéreas, o que significaría, por exemplo, unha redución do prezo dos billetes.

"Regalo a empresas corruptas"

A respecto disto, Susana Romero, controladora aérea no aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro e integrante da Unión Sindical de Controladores Aéreos (USCA), afirma en declaracións a Nós Diario que "esa información é falsa porque A Coruña e Vigo están privatizadas e os billetes non son máis baratos que en Santiago. Ao contrario, moitas veces son máis caros. Volven utilizar a demagoxia para xustificar o regalo dun servizo público a empresas do sector privado que ademais están vencelladas coa corrupción, como o caso da empresa Saerco, coa operación Lezo que resultou en Ildefonso de Miguel encarcerado".  Romero insiste en que detrás da privatización das torres de control hai "outro tipo de intereses, pero non beneficiar a cidadanía nin manter un servizo que debería ser público". 

A reactivación do proceso privatizador iniciado no ano 2010 colle o sector por sorpresa, nun contexto marcado por unha folga do sector privado "onde compañeiros e compañeiras denuncian prácticas ameazadas á hora de facer valer a seguridade, con auténticas represións", afirma Romero. 

"Se este é o modelo laboral que quere o Mitma, entón é realmente preocupante". "O que nos sorprende é que se retome este proceso agora cun Goberno presuntamente progresista do PSOE e de Podemos que di estar a favor do sector público e de manter o público fronte a onda privatizadora actual", engade a controladora. 

Porén, o Goberno do Estado español tramitou este proceso privatizador, o maior no sector desde 2010, "pola porta de atrás", a través dunha orde ministerial, que non terá control parlamentario. "Cremos que non vai traer nada bo excepto para os petos dos de sempre", sentencia Susana Romero.