Tecnoloxía

O control e a seguridade da Intelixencia Artificial son as áreas "menos maduras"

Especialistas animan a descubrir e manterse informadas sobre as Intelixencias Artificiais. (Foto: Nós Diario)
O Consello da Cultura Galega analiza os retos e beneficios da IA.

Santiago de Compostela acolleu hoxe o foro ‘Humanismo e Tecnoloxía’ no que se abordaron cuestións relacionadas coa Intelixencia Artificial (IA) e o seu impacto na sociedade actual. Promovida polo Consello da Cultura Galega, na xornada desenvolvéronse conferencias e debates nos que participaron especialistas na materia como Nerea Luis, responsábel da Área de Intelixencia Artificial da consultora tecnolóxica Sngular, que abriu o acto cunha charla titulada 'Artificial e humanos, cal é o límite?'.

Luis explicou na súa intervención os avances no ámbito da Intelixencia Artificial nos últimos dous anos, ofrecendo unha perspectiva non só técnica, senón tamén vinculada ao aspecto normativo e legal. “Quería que se vise cun prisma máis amplo este futuro ou presente da Intelixencia Artificial”, recoñece en conversa con Nós Diario. Así, sostén que, por unha parte, “buscaba transmitir curiosidade para que a xente, sobre todo a máis nova, se anime a usala".

Por outra parte, tamén quería deixar claro que “isto non é algo que vaia cambiar dun día para outro, senón que aínda vai pasar tempo até que vexamos [as Intelixencias Artificiais] implantadas nos traballos de forma global” ou que se materialicen as normativas necesarias. Considera que, nestes momentos, o máis importante é “activar o pensamento crítico para que a incerteza non se converta en medo, senón en curiosidade”.

As Intelixencias Artificiais, explica Luis, poden promover avances en ámbitos moi diversos. “Estanse convertendo nun campo transversal” e xa se ve como se aplican en sectores relacionados coa bioxenética, coas matemáticas, cos videoxogos ou coa xeración de pezas en 3D. “As IA son unha especie de catalizador e temos que velas como unhas aliadas máis para descubrir o potencial dunha área ou para resolver problemas desde un enfoque diferente ao que lle podemos dar as persoas”.

Esta é unha das vantaxes que Luis destaca das IA, engadindo que ofrecen un gran potencial á hora de detectar patoloxías ou de solucionar problemas a través de camiños alternativos. Sinala así mesmo que, como en calquera nova tecnoloxía, cómpre estabelecer mecanismos de control e de seguridade, e esta é a cuestión “que está menos madura na área polo pouco tempo que se leva desenvolvendo”. 

O impacto da Intelixencia Artificial na sociedade

Por outra parte, Luis asegura que as Intelixencias Artificiais van impactar de diferentes formas na sociedade. “A curto prazo, veremos como no noso día a día se van ver afectadas as tarefas de tipo administrativo”, un aspecto no que as IA “van mellorar en gran medida a eficiencia” destes traballos tan repetitivos. Sostén que cómpre analizar o custo que require unha tarefa feita por unha persoa e por unha IA e así comprobar o impacto que ten esta ferramenta no mundo empresarial e institucional e como isto afectará a man de obra

Outra cuestión á que apunta Luis é “até que punto poderemos compartir certos datos confidenciais dunha empresa con estas IA”. Mais conclúe que “todo isto se irá resolvendo conforme se empecen a utilizar as IA nas distintas entidades”, o que fará que “cada vez resulte menos perigoso”, pois estarán “máis atadas ás lexislacións territoriais”.

"Cómpre ter unha posición crítica e coñecer os perigos"

Nerea Luis considera que todas as persoas se deberían animar a descubrir e a probar Intelixencias Artificiais que xa están dispoñíbeis. “É necesario ser conscientes da conversa pública” que se está a dar ao respecto, “así como ler e manterse informada”, pois “estamos nun momento no que cómpre ter unha posición crítica e coñecer os perigos” destas intelixencias. Con todo, asegura que "está ben ter curiosidade” e máis cando esta ferramenta será “transversal”.