Continúa a prealerta por escaseza de auga nos sistemas do Lérez, río Grande, Anllóns, Mero, Arteixo e ría da Coruña

Xuntanza da Oficina da Seca, esta segunda feira, na que participaron a directora de Augas da Galiza, Teresa Gutiérrez, e o xerente da entidade, Gonzalo Mosqueira. (Foto: Conchi Paz)

As chuvias de agosto entraron nos “parámetros de normalidade”

A Xunta da Galiza acordou manter a prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez en Pontevedra, do río Grande en Camariñas (Terra de Soneira), e nos sistemas do río Anllóns, río Mero, Arteixo (comarca da Coruña) e ría da Coruña.

Así se decidiu na reunión da Oficina da Seca, na que tamén se estabeleceu que continuará a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta por escaseza no subsistema de Baiona (sistema de explotación do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona).

A directora de Augas da Galiza, Teresa Gutiérrez, e o xerente da entidade, Gonzalo Mosqueira, participaron na reunión desta segunda feira, na que se abordou a situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas da Galiza-Costa, de competencia galega.

A pesar das choivas rexistradas, decidiuse manter a prealerta neses sistemas, xa que a recuperación dos ríos non se produce de forma inmediata, e "aínda non se alcanzaron valores de normalidade".

Con respecto á meteoroloxía, as choivas de agosto entraron nos "parámetros de normalidade", pero nas comarcas do norte  do país quedaron por baixo dos valores habituais nesta época. Ademais, en próximas semanas prevese unha situación de tempo anticiclónico.

A situación de prealerta por escaseza supón a instensificación do seguimento da situación meteorolóxica e dos niveis dos ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galiza-Costa. O resto de sistemas de abastecemento de competencia galega presenta niveis "de normalidade", cunha ocupación media dos encoros de 69,59 %, uns 3,4 puntos por encima do mesmo período do ano pasado.

A Xunta insistiu na importancia de realizar un consumo responsábel de auga, con restricións nas regas, limitación no enchido de piscinas e reutilización sempre que sexa posíbel.