Mobilidade

Continúa o caos ferroviario: "Levamos hora e media co tren parado na Coruña"

Numerosos trens parten hoxe con demora da estación de Santiago. (Foto: Nós Diario)
A avaría de primeira hora na estación da Coruña segue a provocar múltiples e longos atrasos.

A estación de tren da Coruña viuse sumida nun auténtico caos a primeira hora da mañá desta quinta feira debido a un fallo eléctrico que impediu a entrada e saída de ferrocarrís. Ao fío do mediodía restabeleceuse a liña máis só para pasaxeiras da liña Santiago-Ourense-Madrid. As que se dirixían a Pontevedra e Vigo, porén, tiveron que desprazarse en autobuses fletados por Renfe como alternativa.

O administrador ferroviario, Adif, e a compañía Naturgy bótanse as culpas mutuamente da caída da tensión eléctrica na terminal herculina. Para o primeiro, a causa do caos desta mañá foi unha avaría da que responsabiliza a Naturgy; para os segundos, non existiu tal avaría e podería deberse á instalación eléctrica propia da estación.

En calquera caso, até as 12 horas non saíron os primeiros convois, malia que Adif deu por resolto o incidente pasadas as 10h, e os que seguen saíndo fano con moito atraso. Na estación de Santiago de Compostela os carteis cos horarios -consultados ás 16h de hoxe- advirten de que os trens que se dirixen á Coruña chegan "demorados". Isto acabou afectando tamén o resto da liña do Atlántico até Vigo.

E desde a propia cidade herculina o tren que debía partir ás 15 horas desta tarde aínda non o fixo. "Levamos unha hora e media agardando dentro do tren, que aínda non se moveu", apunta a Nós Diario Lino, que traballa na capital galega e hoxe chegará ao seu posto con moito atraso.

Neste convoi ordenaron subir tamén ás pasaxeiras e pasaxeiros dos seguintes trens programados, e para iso xuntaron máis vagóns do habitual. Pero o tren seguía sen saír da estación ás 16.30h. "Ninguén nos di nada", lamenta este traballador, un dos moitos e moitas afectadas pola avaría.

E na terminal santiaguesa, máis do mesmo: o tren programado para as 16.12h aínda non chegara no momento de escribir estas liñas. Alí tampouco saben con certeza cando poderán montar no convoi, pero Manel, outro afectado que agarda para regresar á Coruña, advirte: "Isto vai para longo".

Para Manel é xa o segundo atraso que sofre nesta xornada, pois o tren de Media Distancia que debía levalo rumbo a Santiago ás 8 horas da mañá non chegou a entrar en funcionamento e tivo que completar en autobús e tardar até catro horas en facer un percorrido que a diario apenas lle supón 28 minutos.